O BNG empraza o Goberno local a se posicionar contra o canon bibliotecario
A Coruña, 25 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a se posicionar en contra do pago do canon bibliotecario que contempla o Real Decreto 624/2014, de 18 de xullo (BOE do 1 de agosto de 2014). Este real decreto contempla o pagamento de 0,16 euros por cada obra adquirida e 0,05 euros por cada usuario ou usuaria, prexudicando as bibliotecas con menos recursos (como a biblioteca veciñal de Monte Alto), as persoas lectoras e mais as editoriais que, no caso das galegas, afrontan unha situación económica complicada. As nacionalistas calculan que, en base ás cifras do pasado ano, o canon bibliotecario tería un impacto de máis de 7.000 euros no noso Concello.
O Grupo Municipal do BNG critica os recortes que levan sufrido as bibliotecas do Concello desde que goberna o PP. Amais de retirarlle a axuda á biblioteca veciñal de Monte Alto, o Goberno do Sr. Negreira vén recortando sistematicamente os orzamentos destinados á compra de libros, un recorte que se verá aumentado coa aplicación do canon bibliotecario do PP. As nacionalistas lembran que con unha biblioteca máis (a do Ágora) o Concello destinou 40.000 euros menos á rede de bibliotecas municipais desde que goberna o Sr. Negreira.
Así, mentres en 2011, o Concello destinou 134.256 euros ás bibliotecas, co PP no Goberno a cantidade baixou a 100.000 nos orzamentos de 2012 e de 2013 e a 95.000 euros nos orzamentos actuais. Tamén pon de manifesto o BNG o recorte de cartos da Xunta de Galiza en axudas á compra de libros nas bibliotecas municipais. Mentres que en 2008, sendo o BNG responsábel da Consellaría de Cultura, o Concello da Coruña recibiu 82.200 euros en axudas para a compra de libros, en 2013, tan só recibiu 19.773 euros.
A memoria de xestión de 2013 pon de manifesto o recorte que sufriron as bibliotecas
O Grupo Municipal do BNG salienta que na memoria de xestión de 2013 se recolle que dentro dos servizos dos que recollemos datos detallados, o servizo de préstamo, cun 15,2% de visitas que o utilizan, continúa liderando a nosa oferta e a nosa demanda. Sinala que o número de usos do servizo de préstamo decreceu nun 2,5% con respecto a 2012, unha tendencia común do conxunto das bibliotecas, agás no caso da Biblioteca Ágora, explica. A actualidade da súa colección e a súa recente apertura (2012) ben poderían explicar este feito. Hai que ter en conta que os orzamentos destinados á compra de fondos diminuíron un 35% desde 2010 e ascoleccións do resto das bibliotecas non se actualizan na mesma medida, expón a memoria de xestión, recoñecendo como lles afectan os recortes ás bibliotecas.