JORQUERA XA PEDIRA "XOGO LIMPO" ANTE A VISITA DO MINISTRO DE SANIDADE, "COMO AXENTE ELECTORAL" E A ALCALDESA ÁS NAVES DE METROSIDERO

O BNG denuncia o Goberno Local ante a Xunta Electoral por convocar a Cea do Deporte apenas uns días antes do comezo da campaña

Conferencia de prensa de Jorquera 2 (1)
Jorquera, nunha comparecencia ante os medios
O BNG vai denunciar o Goberno Local ante a Xunta Electoral de Zona pola súa decisión de convocar a Cea do Deporte o 5 de maio, apenas uns días antes do comezo da campaña das eleccións municipais.
O BNG denuncia o Goberno Local ante a Xunta Electoral por convocar a Cea do Deporte apenas uns días antes do comezo da campaña

O martes 4 de abril publicouse no BOE o decreto de convocatoria das eleccións municipais. A partir dese momento, e segundo a lei electoral vixente, non se poden producir actos de propaganda institucional.

“Este evento realizouse o ano pasado a fins de xuño. Que se mova a data e se coloque no período previo ao comezo da campaña electoral só pode entenderse desde unha perspectiva: estamos ante o intento por parte do Goberno Local de usar recursos públicos, institucionais, para publicitar o labor do propio Goberno Local, o cal contravén por completo o establecido na lei electoral vixente”, afirma o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera.

O certo é que chove sobre mollado. Días atrás, o BNG denunciara “politicamente” a visita ás Naves do Metrosidero do ministro de Sanidade –“que máis que como ministro actuou como axente electoral”!-, a alcaldesa e outros membros do Goberno Local.

“Nese momento instamos a alcaldesa a que reflexionase e a que cesasen esas prácticas. Mais tamén lanzamos a advertencia de que, na eventualidade de que continuasen, recorreríamos á Xunta Electoral, cousa que facemos agora”, indica Jorquera.

O candidato do Bloque volve reclamar “xogo limpo” na campaña –apelación tamén dirixida no seu momento ao PP pola sinatura do convenio entre a Xunta e a Autoridade Portuaria sobre a plataforma de baño do Parrote.

“Que non se usen recursos públicos, recursos de todos os cidadáns, con fins partidistas, con fins electorais”, esixe Jorquera, ao tempo que remarca que o BNG “ten un firme compromiso co deporte e, por suposto, aplaude a realización de eventos de convivencia da comunidade deportiva coruñesa”

E precisamente se o BNG recorre agora á Xunta Electoral é para “protexer” o deporte coruñés “de calquera intento de ser instrumentalizado de forma partidista por quen pretende valerse, ademais, de recursos públicos para ese fin”.

En 2011 tamén houbo eleccións municipais a finais de maio e daquela o BNG estaba á fronte da Concellaría de Deportes. A Cea do Deporte naquel ano foi convocada en xuño, despois, e non xusto antes, das eleccións.

 

 

 

 

 

O BNG denuncia o Goberno Local ante a Xunta Electoral por convocar a Cea do Deporte apenas uns días antes do comezo da campaña