ENCONTRO DE FRANCISCO JORQUERA E AVIA VEIRA COAS MÚSICAS E OS MÚSICOS DA AGRUPACIÓN

A Banda Municipal de Música, un tesouro da cultura coruñesa que cómpre pór en valor

Visita Jorquera e Veira á Banda Municipal de Música
A Banda Municipal de Música, con 70 anos de historia ás súas costas, é un “tesouro” da cultura coruñesa que merece un maior apoio por parte do Goberno Local, un claro reforzo do seu cadro de persoal e unha maior visibilidade non só na cidade, senón máis alá tamén do termo municipal da Coruña.
A Banda Municipal de Música, un tesouro da cultura coruñesa que cómpre pór en valor

Esta foi a mensaxe que lle trasladou Francisco Jorquera, aos integrantes da Banda Municipal de Música, quen, co seu director, Juan Miguel Romero Llopis, ao fronte, recibiron no Coliseum o noso candidato á Alcaldía –acompañado pola número 2 da nosa lista, Avia Veira- antes de comezar un dos seus ensaios.

“É todo un privilexio que exista a Banda Municipal de Música da Coruña, con toda a súa calidade e a súa historia. Desde logo, a nosa intención, desde o Goberno Local a partir do próximo 28 de maio, é potenciala e visibilizala”, comprometeuse Jorquera coas músicas e os músicos da agrupación.

O BNG é perfectamente consciente das necesidades da banda, resaltaron Veira e Jorquera. “Neste mandato levamos unha moción ao Pleno, froito dun anterior encontro convosco e un compañeiro voso foi á Comisión de Cultura da que eu son presidente para lle explicar ao Goberno Local os problemas que enfrontades”, resaltou Avia Viera no seu diálogo coas e cos intérpretes.

Plano xeral encontro BNG coa Banda Municipal de Música
Un momento do encontro

“A moción foi aprobada no Pleno de novembro de 2020, mais infelizmente está aínda por se cumprir”, engadiu Jorquera.

As tarefas que asumirá o Goberno Local liderado polo BNG en relación á Banda Municipal de Música, esclareceu Jorquera, teñen a ver basicamente con dúas cuestións.

A primeira ten a ver coa falta de persoal. “A banda precisa dunha dotación de prazas suficiente para ir cubrindo baixas e xubilacións. Non pode ser que a falta de persoal provoque a suspensión de concertos e a imposibilidade de atender toda a programación prevista”, indica Jorquera.

Director da Banda Municipal a falar con Jorquera e Veira
Juan Miguel Romero Llopis diríxese a Jorquera e Veira

O certo é que “a lexislación establece límites moi estritos para a contratación de persoal” nas administracións públicas, concedeu o candidato do BNG, mais “aplicar esas restricións sen a menor flexibilidade nunha entidade como a Banda Municipal de Música é sinxelamente ridículo”.

“Un administrativo”, exemplificou, “podes desprazalo de María Pita ás oficinas do Concello na Franxa. Mais un clarinetista, que é un virtuoso do seu instrumento, se se xubila ou ten unha baixa por enfermidade non pode ser substituído por un batería”.

A agrupación precisa tamén de reforzos administrativos. “Neste momento apenas tendes unha administrativa que asume funcións que sobardan por completo as propias do seu posto de traballo. A banda necesitaría da contratación dun/unha xerente/a que poda desenvolver tarefas xerenciais, para, entre outras encomendas, elaborar a programación anual”, considera Jorquera, para quen tamén sería preciso un/unha arquiveiro/a “para catalogar, dixitalizar e pór en valor os extraordinarios fondos documentais” da agrupación.

Director da Banda Municipal con Veira e Jorquera
O director da Banda Municipal de Música, con Veira e Jorquera

A segunda cuestión é a de lle dar unha maior “visibilidade” á banda, remarcou Jorquera. “O Concello ten un tesouro e, por tanto, teno que pór en valor, impulsando unha programación intensa para chegar a todos os recunchos da cidade e, por suposto, máis alá da Coruña tamén”.

“Somos coñecedores dos problemas que provoca a limitación de espazo en que tendes de ensaiar”, díxolles Jorquera ás músicas e músicos. “Tende a seguridade que o BNG é plenamente consciente de todos os vosos problemas e de que os hai que abordar coa maior urxencia. A Banda Municipal de Música é unha institución básica na creación e na difusión de cultura nesta cidade”, engadiu.

“É mágoa que teñamos na Coruña tanto potencial no eido da Cultura e que desde o Goberno Local non se saiba aproveitar, a comezar por entidades que dependen do propio Concello e que están no esquecemento e no abandono. Tendes o noso compromiso de que desde o Goberno Local faremos da cultura unha prioridade da nosa acción”, concluíu Jorquera.

 

A Banda Municipal de Música, un tesouro da cultura coruñesa que cómpre pór en valor