O BNG denuncia o engano do PP en relación á escola infantil da Sardiñeira
A Coruña, 28 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia o engano premeditado do Goberno do Sr. Negreira en relación á escola infantil da Sardiñeira, para a que a Xunta de Goberno Local aprobou na mañá de hoxe a cesión da parcela ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O Bloque acusa o Goberno do Sr. Negreira de crear confusión ao redor desta escola ao asegurar que sería de titularidade municipal cando, finalmente, vai ser construída pola Fundación Amancio Ortega para integrarse na rede de escolas infantís da Consellaría de Benestar. Lembra o Bloque que até o de agora o Goberno do Sr. Negreira falaba da suposta escola infantil municipal da Sardiñeira e da escola da Fundación Amancio Ortega coma se se tratase de dous centros diferenciados cando, como finalmente se demostrou, se trataba dunha mesma escola.
O BNG chama a atención sobre a existencia de documentación oficial en que se aseguraba que a escola da Sardiñeira ía ser municipal e non unha escola da Fundación Amancio Ortega xestionada pola Xunta de Galiza. Precisamente, a documentación do Concello da Coruña que foi obxecto de debate en pleno cando se aprobou o estudo de detalle da escola da Sardiñeira e mais o cambio de usos da parcela aludía a unha escola infantil de titularidade municipal. Así, en Xunta de Goberno en setembro de 2013, en relación ás operacións de segregación da parcela que se lle cede ao Consorcio hoxe, sinalábase que ...el Ayuntamienrto pretende ampliar el número de escuelas infantiles integradas en la red de escuelas infantiles municipales e aludíase a ... en el ámbito de la Sardiñeira se prevé la construcción de una escuela infantil municipal. O Goberno do Sr. Negreira non só se refería á escola da Sardiñeira como municipal na documentación oficial, tamén o portavoz, o Sr. Flores, facía o propio en declaracións aos medios o 6 de setembro de 2013, cando a Xunta de Goberno Local aprobou o estudo de detalle desta escola infantil.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira prometera tres escolas infantís para 2015 -unha municipal na Sardiñeira, outra da Fundación Amancio Ortega e outra ao abeiro do plan Educa3- cando só se construirá a da fundación. O Bloque lembra que existe documentación oficial sobre estas tres escolas de forma diferenciada: a documentación que foi a pleno cando se aprobou o estudo de detalle da escola da Sardiñeira e mais o cambio de usos da parcela, o BOE de 4 de febreiro de 2011 que anunciaba a construción dunha escola infantil na Coruña ao abeiro do Plan Educa3 (tamén alude a esta escola o BOE de 6 de febreiro de 2012) e mais o convenio marco de 26 de marzo de 2012 entre a Fundación Amancio Ortega e a Consellaría de Benestar.