O BNG defende que pasada a intervención xudicial a SEPI tome o control de Alu Ibérica, por ser unha empresa estratéxica
O grupo municipal do BNG ve positivo que a Audiencia Nacional decretase a intervención xudicial de Alu Ibérica, dados os comportamentos obviamente irregulares da empresa, reiteradamente denunciados polo seu cadro de persoal.
"Pasada a intervención xudicial, a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) ten que tomar o control de Alu Ibérica, tendo en conta que estamos ante unha empresa dun sector estratéxico. Desde o BNG, en concordancia co que defenden os traballadores da planta coruñesa, sempre defendemos a intervención desta factoría", salienta o portavoz nacionalista no Concello, Francisco Jorquera.
O voceiro nacionalista quere lembrar que a venda de Alu Ibérica por parte de Parter Capital ao Grupo Riesgo foi supervisada e tutelada quer pola Xunta quer polo Ministerio de Industria, mentres que o BNG sempre advertiu que a operación tiña un claro componente especulativo, sendo que a compañía compradora se dedica a despezar e despatrimonializar empresas como negocio.
O BNG levou este asunto ao Pleno do Concello en maio pasado cunha moción en que xa se defendía con clareza a incorporación de Alu Ibérica ao sector público.