MOCIÓN DE JORQUERA PARA O PLENO DO 6M
3.000 vivendas, 7.500 persoas censadas: recollemos as demandas da veciñanza de Novo Mesoiro
“Como todos os barrios de recente creación, en Novo Mesoiro a ocupación de vivendas foi por diante moitas veces da dotación dos equipamentos necesarios para humanizar o barrio e garantir o benestar da veciñanza”, apunta Jorquera.
Ao ser un barrio periférico, Novo Mesoiro ten problemas obvios de mobilidade e conectividade sobre os cales esta moción se debruza, con propostas como a conexión a través de bus urbano con Someso, campus de Elviña, CHUAC e Hospital Materno Infantil, ben por medio dunha liña “que conecte directamente estes puntos ou procurando solucións que faciliten as interconexións para chegar a estes lugares, no marco da revisión da liña de buses”.
Novo Mesoiro ten un poboación nova en media de idade, o que cría tamén necesidades específicas relativas ás crianzas e á mocidade e dá pé a problemas de conciliación que deben ser atendidos e a tal efecto o BNG propón a ampliación das prazas da Escola Infantil Municipal A Caracola.
A ampliación do centro cívico, a dotación de infraestruturas na próxima obra do Corredor –entre as rúas Fragas do Eume e Ribeira Sacra-, dar cumprimento ao acordo de redacción dun estudo para a creación dunha Biblioteca Pública, a adopción de medidas para o calmado do tránsito e para pór fin ás carreiras ilegais que se realizan no Polígono de Vío son algunhas das propostas que figuran nesta moción do BNG.