O BNG defende no Parlamento os intereses das e dos mariscadores durante o dragado da Ría
A Coruña, 4 de marzo de 2016.- A instancias do Grupo Municipal, o Grupo Parlamentario do BNG, rexistrou unha batería de iniciativas na Xunta de Galiza nas que se interesa polo proceso de dragado da Ría do Burgo e nas que recollen as preocupacións que ten amosado publicamente a Mesa da Ría e as entidades que a conforman.
O BNG presenta unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza para garantir a protección ao ecosistema durante o dragado da Ría do Burgo e o establecemento de axudas para compensar aos/ás mariscadores/as durante o período de inactividade
O Bloque indica na súa iniciativa que o 11 de decembro de 2015 foi sometido a exposición pública o Proxecto Dragado ambiental dos sedimentos da Ría do Burgo elaborado polo Ministerio de Medio Ambiente ao que diversas entidades presentaron alegacións reclamando que este proxecto vaia acompañado dunha dotación orzamentaria e un calendario de actuacións precisos e suficientes para a súa execución.
Estas entidades (agrupadas na Mesa da Ría do Burgo e constituída pola Confraría de Pescadores da Coruña, a Plataforma en defensa da Ría do Burgo, a Universidade da Coruña e os Concellos de Cambre, Culleredo, A Coruña e Oleiros) reclaman a paralización do marisqueo durante a execución do dragado dos lodos ante a posibilidade de que este mobilice sustancias contaminantes que se podan disolver na auga do contorno próximo aos traballos de descontaminación lembran as nacionalistas.
As nacionalistas recollen as demandas das diversas entidades que presentaron alegacións ao proxecto do dragado e que amosaron a súa preocupación pola xestión do mesmo
É por iso, sinala o BNG, que as entidades solicitan tamén a compensación aos mariscadores/as polas conseguintes perdas económicas que deberá manterse mentres non se garantan as condicións óptimas para a práctica do marisqueo con total normalidade.
O Bloque subliña, así mesmo, que a Mesa da Ría ten expresada a súa preocupación coa xestión do material (clasificado de categoría IIIa e II con toxicidade positiva), con que este sexa confinado nos dous recintos habilitados (recinto Norte, Oleiros, e recinto Sur, Culleredo), con que o confinamento do material nestes recintos realizarase mediante xeotubos (que recibirán o material dragado) colocados no interior dos recintos e con que a coroación deste confinamento servirá para ampliar o paseo marítimo existente.
As entidades solicitan, por ese motivo, un plan de vixilancia que inclúa o control exhaustivo, periódico e transparente da calidade das augas, a estanqueidade dos recintos de confinamento dos lodos e a evolución das poboacións de flora e fauna asentadas na ría e na súa contorna afirma o BNG.
As nacionalistas insisten en sinalar, tamén, que a Mesa da Ría do Burgo reclama a constitución, con carácter previo ao inicio do dragado, dunha Comisión de Seguimento na que estean representadas as distintas administracións (Ministerio de Medio Ambiente, Xunta de Galiza e concellos ribeiráns), a Universidade da Coruña e os axentes implicados. Xa que logo, o Bloque entende que a rexeneración da Ría do Burgo debe ser un proxecto integral que vaia alén do dragado, impulsando un plan de conservación e rexeneración ambiental que permita recuperar os seus valores medio ambientais e o seu potencial produtivo.
Cómpre lembrar que nos anos oitenta a ría daba traballo a dous mil mariscadores e mariscadoras mentres hoxe a súa capacidade produtiva apenas chega ao 20% e emprega a menos de cen persoas en actividades extractivas, advirten as nacionalistas.
Por último, tamén lembra o BNG na iniciativa que todas estas razóns levaron ás entidades a demandar que a rexeneración da ría transcenda ao dragado dos lodos, contemplando medidas de protección ao ecosistema durante o dragado e con posterioridade o mesmo, unha restauración ambiental que desemboque na creación dun corredor ecolóxico entre o encoro de Cecebre e o mar e un plan de manexo que ordene os diferentes usos da ría que permita un uso sostíbel da mesma e o mantemento das funcións ecolóxica, económica e social do espazo.
As iniciativas presentadas polo BNG van desde unha Proposición non de lei até varías preguntas para a súa resposta oral e por escrito en Pleno e en Comisión
Deste xeito o BNG presentou unha Proposición non de lei na que solicita do Parlamento galego o instar á Xunta de Galiza a impulsar medidas de protección ao ecosistema durante o dragado da Ría do Burgo e con posterioridade do mesmo, a implementar un plan de vixilancia que inclúa o control exhaustivo, periódico e transparente da calidade das augas, a estanqueidade dos recintos de confinamento dos lodos e a evolución das poboacións de flora e fauna asentadas na Ría e na súa contorna, a constitución dunha Comisión de Seguimento integrada por representantes das distintas administracións, a Universidade da Coruña e axentes implicados, ao establecemento de axudas para compensar aos/ás mariscadores/as durante o período de inactividade e a impulsar unha restauración ambiental integral que desemboque na creación dun corredor ecolóxico entre o encoro de Cecebre e o mar.
O Bloque sinala que a Xunta non está a participar da Mesa da Ría aínda que foi convocada e que en ningún momento indicou se está de acordo coas demandas das entidades que a conforman
Xa que logo a Xunta de Galiza non está participando das reunión da Mesa da Ría, aínda que está sendo convocada, trasladamos tamén unha batería de preguntas para a súa resposta escrita e oral tanto en Pleno como en Comisión xa que descoñecemos se está de acordo ou non coas demandas da Mesa da Ría e coas entidades que si están participando desta ou se ten a intención de defender os intereses das e dos mariscadores ou se é coñecedora de que medidas concretas se van adoptar para extremar a protección ambiental durante os labores de dragado na Ría do Burgo conclúen as nacionalistas.