O Grupo Municipal do BNG presenta unha moción polo 8 de marzo
A Coruña, 3 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou esta mañá unha moción para a súa aprobación no Pleno do próximo luns, véspera da celebración do 8 de marzo, cunha serie de demandas relacionadas a dar cumprimento da Lei de traballo en igualdade das mulleres na Galiza e elaborar un Plan galego de emprego feminino.
As nacionalistas propoñen na iniciativa que o Pleno da corporación inste o Goberno da Xunta a dar cumprimento ao artigo 37 da Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galiza e elaborar un Plan galego de emprego feminino
As nacionalistas lembran na súa proposta que neste marzo de 2016 a realidade continúa a evidenciar que a crise agravou a situación de desigualdade e precariedade das mulleres e que existe un discurso falaz da igualdade conseguida que diferentes estudos, informes e enquisas desmenten ao recoller datos sobre a crecente situación de precariedade laboral e traballo vulnerábel que viven as mulleres galegas.
O Bloque continúa argumentando a súa iniciativa sinalando que a fenda salarial segue a ser unha realidade aínda por combater diante da que as institucións non interpoñen medidas. Son, ademais, as mulleres quen lideran as estatísticas de emprego temporal e parcial. No que atinxe ao traballo non remunerado, as desigualdades no reparto das responsabilidades repercuten negativamente sobre as mulleres que tamén sofren a sobrecarga derivada da redución do apoio ás necesidades de coidados, indican na súa proposta.
Para o BNG as políticas austericidas do PP frearon a posta en marcha de medidas de igualdade, tanto no referido á lexislación como á realización de programas concretos, e poñen como exemplo, a paralización da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galiza. O Bloque entende que con esta inacción o goberno da Xunta se incumpre o seu compromiso de integrar a dimensión de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, cumprindo co seguimento das políticas e accións sobre as que existen competencias en relación ao acceso ao emprego, desenvolvendo políticas de integración e apostando pola igualdade real no ámbito laboral. A falta de vontade política é tal que continuamos a agardar pola posta en marcha de políticas tan necesarias e reclamadas social e politicamente como medidas que melloren o emprego feminino conclúen.
O BNG tamén inclúe na súa proposta instar o Executivo autonómico a elaborar un Plan de corresponsabilidade que inclúa actuacións para facilitar a conciliación da vida persoal e familiar conforme
É por isto que o Grupo Municipal do BNG considera unha obriga que o concello da Coruña, a institución máis achegada á veciñanza, se comprometa na presións ás institucións directamente responsábeis de poñer en marcha políticas que revertan a desigualdade laboral das mulleres, e propón que inste o goberno da Xunta de Galiza a dar cumprimento ao artigo 37 da Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galiza e elaborar un Plan galego de emprego feminino que inclúa, entre outras medidas, axudas específicas para a creación de empresas femininas de mulleres con especial atención ás mulleres mozas e ás de máis de 45 anos e a creación dunha Renda de Inserción Laboral para mulleres desempregadas de máis de 50 anos, cunha vida laboral igual ou superior a 30 anos de cotización e que tivesen esgotado as prestacións
Tamén propoñen na súa iniciativa o instar o goberno da Xunta a elaborar un Plan de corresponsabilidade que inclúa actuacións para facilitar a conciliación da vida persoal e familiar conforme a lexislación vixente e que o Concello da Coruña apoie publicamente e chame á participación das veciñas e veciños da cidade nos actos e reivindicacións das organizacións e colectivos feministas locais e comarcais con motivo do 8 de marzo.