NÉSTOR REGO PRESENTA EN MADRID UNHA BATERÍA DE PREGUNTAS DIRIXIDAS AO GOBERNO CENTRAL PARA QUE INVESTIGUE E SE DEPUREN TODAS AS RESPONSABILIDADES NECESARIAS

O BNG cualifica de sucesión de feitos gravísimos todo o acontecido arredor do Dépor-Fuenlabrada

EdZvmjDXYAkjiLB
EdZvmjDXYAkjiLB
O BNG cualifica de sucesión de feitos gravísimos todo o acontecido arredor do Dépor-Fuenlabrada

O BNG quere sumar a súa voz á vaga de indignación que na Coruña e en toda a sociedade galega se ten expresado nas últimas horas, máis alá do campo estritamente deportivo, perante a sucesión de acontecementos despropositados vividos arredor do malogrado encontro Deportivo-Fuenlabrada que estaba previsto para este pasado 20 de xullo.

Para o BNG é extraordinariamente grave que por parte da Liga de Fútbol Profesional (LFP), a Federación Española de Fútbol e o Consello Superior de Deportes, organismo dependente do Ministerio de Cultura e Deporte, se tivese permitido ao CF Fuenlabrada viaxar á Coruña para disputar o encontro co Deportivo en Riazor cando xa o sábado 18 se sabía, presuntamente, que 1 xogador e 3 integrantes do corpo técnico do conxunto madrileño deran positivo por COVID-19. Mais resulta de todo punto de vista imperdoábel que se puidese consentir que equipo e corpo técnico do equipo visitante puidesen facer onte vida normal nas rúas da Coruña ou no estabelecemento hoteleiro no que se aloxaban cando, como logo se soubo, o número de positivos ascendía, segundo o publicado nos medios, a 6 positivos confirmados.

Estamos diante dunha gravísima neglixencia na que se vén de pór en risco da maneira máis irresponsábel que caiba imaxinar o imprescindíbel dereito á saúde pública de toda unha cidade”, considera o portavoz municipal do BNG no Concello da Coruña Francisco Jorquera.

Segundo fomos coñecendo novos datos e informacións co pasar das horas, maior gravidade reviste o acontecido”, engade Jorquera. “É claro que para a Liga, a Federación Española de Fútbol e mesmo o Consello Superior de Deportes pesaron máis outros intereses antes que o da necesaria saúde pública da cidade”.

Precisamente, foi a gravidade dos feitos dos que sucesivamente se ía tomando coñecemento ao longo da mañá deste martes o que levou ao portavoz municipal nacionalista no Concello coruñés a propor ao goberno local o inicio de accións legais contra a Liga e contra o seu máximo responsábel, Javier Tebas, por ter tomado decisións absolutamente irresponsábeis que veñen de pór en grave perigo o dereito básico á saúde da poboación da nosa cidade. 

A través do deputado no Congreso Néstor Rego o BNG presentaba no mesmo día de onte, martes, unha batería de iniciativas dirixidas ao Goberno do Estado para obter toda a información necesaria sobre o papel do Consello Superior de Deportes e exixir a depuración de responsabilidades ao máis alto nivel.

Como xa o vén facendo a través das súas redes sociais, o BNG expresa o seu afecto a toda a afección deportivista nestes difíciles momentos, que o son tamén para A Coruña e para o país enteiro.   

O BNG cualifica de sucesión de feitos gravísimos todo o acontecido arredor do Dépor-Fuenlabrada