O BNG considera tremendamente prexudicial para A Coruña a supresión do tren semanal de colectores
A Coruña, 23 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG considera tremendamente prexudicial para o porto da Coruña, para os sectores económicos que desde alí operan e para a cidade no seu conxunto a decisión do Goberno central de suprimir o xa de por si escaso tren semanal que transportaba colectores desde o peirao de San Diego. Así a ministra de Fomento, que mantén unha forte amizade da que se gaba o Sr. Negreira, provoca que o desenvolvemento portuario se vexa impedido e que mate as posibilidades operativas do porto interior como entrada e saída de mercadorías por colectores, un dos tráficos que xerarían un maior valor engadido. E isto, lembran as nacionalistas, faino o ministerio cando o porto exterior de Langosteira segue aínda sen ter garantida a conexión ferroviaria.
As nacionalistas advirten de que a supresión de todos os transportes de colectores desde a estación de San Diego non é máis que unha consecuencia da privatización do Partido Popular de Renfe. O BNG pon de manifesto que Renfe foi recurtando este servizo paseniñamente: de contar cun servizo diario de colectores, pasou a contar cun servizo cada tres días a reducilo a tan só un á semana. E isto debeuse á nefasta xestión comercial de Renfe que denuncian os traballadores e traballadoras das mercadorías.
O Grupo Municipal do BNG engade que a supresión do servizo vai restrinxir as posibilidades de desenvolvemento da anunciada estratexia de Autoridade Portuaria para o peirao do Centenario en canto a contar cunha terminal moderna e adaptada ás novas necesidades do tráfico de colectores. Neste sentido, salienta que os portos son competitivos desde o punto de vista comercial se contan con tráfico de colectores por camiños de ferro, xa que o traslado por estrada encarece o transporte. É por iso que o BNG alerta de que esta decisión do Goberno do PP fai que A Coruña saia do mapa e se acabe coas posibilidades de desenvolvemento do porto. Así as nacionalistas chaman ao Goberno Local a que impida que Fomento leve a cabo esta decisión de suprimir o servizo de transporte de colectores e que garanta un servizo diario.
Neste contexto, o Bloque denuncia que agora xa non estamos só illados sen tren de cercanías e cunha liña A Coruña-Ferrol claramente insuficiente, senón tamén sen o tren de mercadorías para colectores que á súa vez provoca que fique en desuso o guindastre co que conta Adif na estación de San Diego.