O BNG comeza esta semana a campaña de actos públicos con motivo do Día do Patria
A Coruña, 7 de xullo de 2013.- Achégase o Día da Patria e o BNG da Coruña conmemora a data cunha xeira de actos públicos na rúa nos que lles dará voz ás persoas representativas dos colectivos máis afectados pola crise. A campaña do Día da Patria, que terá lugar baixo o lema Galiza pola soberanía, arrinca este martes no barrio dos Mallos, cunha asemblea aberta a partir das 20h na rúa Ángel Senra, na que intervirá un representante da Asemblea de Parad@s da CIG. Tamén esta semana, o xoves, a partir das 19h, terá lugar outro acto público na Praza Elíptica dos Rosales, onde se lle dará voz ao activismo antidesafiuzamentos. Ademais, o venres, a partir das 20h no Parque de Oza, do barrio dos Castros, intervirán un representante do sector do mar e mais un xubilado e emigrante.
O martes, 16 de xullo, ás 20h, diante do Mercado das Conchiñas, na Agra do Orzán, continuará a campaña cunha asemblea aberta na que serán protagonistas as persoas estafadas pola fraude das preferentes. O día seguinte, mércores, 17 de xullo, os actos públicos do Día da Patria recalarán, a partir das 20h, en Monte Alto, no Campo de Marte, onde falarán persoas que traballan no ensino, e o xoves, 18 de xullo, tamén ás 20h, terá lugar unha asemblea aberta no barrio de Elviña, na praza Casares Quiroga, na que intervirán representantes do eido da saúde.
Por último, o martes 23 de xullo, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, pechará os actos con motivo do Día da Patria nos Xardíns de Méndez Núñez, onde Galiza Nova homenaxeará a Curros Enríquez. O día 25 as nacionalistas da Coruña participarán na manifestación nacional con motivo do Día da Patria, mobilización que partirá ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela.