O BNG denuncia que o Goberno municipal segue sen resolver o perigo do transformador de Palavea
A Coruña, 3 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira segue sen resolver o perigo derivado do lamentábel estado en que se atopa o transformador eléctrico no campo da Pena, no barrio de Palavea, con amplas fendas. O risco é tal que o pasado 16 de xuño, domingo e festa no lugar, caeu a cornixa do transformador, un desprendemento que provocou chispazo e un grave risco de incendio. A veciñanza chamou a Fenosa, que impediu que o problema for a máis, e a policía local, que rodeou cunha cinta o transformador e levantaron atestado. A día de hoxe, non hai cinta policial ningunha e o transformador presenta o mesmo estado de deterioro, con grandes fendas e con risco de que a chuvia favoreza novos chispazos.
Unha vez o Grupo Municipal do BNG tivo coñecemento, a través de veciños e veciñas, dos feitos, a concelleira Ermitas Valencia presentou, o pasado 26 de xuño, unha batería de preguntas para a resposta escrita para pór en coñecemento do Goberno municipal o acontecido e para interesarse polas medidas que prevé adoptar para acabar co constante perigo do transformador que, ademais, se atopa nunha zona frecuentada de Palavea.
Precisamente, esta mañá, unha veciña do barrio presentou por rexistro un escrito, avalado polas sinaturas de máis dunha trintena de habitantes de Palavea, para que o Goberno do Sr. Negreira resolva este problema que pon en risco a vida das persoas. No escrito, poñen de manifesto que o desleixo deste goberno polo barrio e esíxenlle ao Goberno municipal que emprace a Fenosa a arranxar de inmediato o transformador.
A policía impide o paso da veciña á oficina do Grupo Municipal do BNG e Carril ten que se reunir coa afectada fóra do Concello
Pola outra banda, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, concertara para esta mañá unha reunión coa representante das persoas afectadas, que se encargaba de presentar por rexistro o citado escrito. Porén, a policía local non permitiu o acceso desta persoa ao palacio municipal, nin sequera acompañada do propio Carril, escudándose en que tiña o documento de identidade caducado. Como os axentes non permitiron que esta persoa puidese entrar na oficina adscrita ao Grupo Municipal do BNG, Carril tivo que manter a xuntanza fóra do concello, nos soportais.