Bravo: "A LOMCE privatiza, españoliza, elitiza e é sumamente lesiva para alumn@s e docentes"

Bravo: "A LOMCE privatiza, españoliza, elitiza e é sumamente lesiva para alumn@s e docentes"

A Coruña, 10 de abril de 2013.- A concelleira María Xosé Bravo, que participa no peche que alumnado e profesorado inician de 17h de hoxe a 10h do xoves no IES Menéndez Pidal (IES de Zalaeta) contra a LOMCE, pon de manifesto que a xa coñecida como a Lei Wert, “Lei da Wertgoña” é “tremendamente lesiva” cos intereses do alumnado, das familias e do profesorado”. “Trátase dunha lei que plasma a ideoloxía do Partido Popular e que nos fai retroceder ao modelo fracasado do franquismo”, denuncia.

“Ademais de fomentar un ensino sectario, fomenta o elitismo”, sinala Bravo, quen advirte de que “a lei recupera as reválidas ao final da ESO e de Bacharelato e de que suporá a segregación do alumnado pola súa capacidade e rendemento desde idades moi temperás”. Precisamente, “esta segregación é moi prexudicial para os intereses das clases traballadoras, tal e como se evidenciou en Europa”. Deste xeito, o Partido Popular poralle máis trabas á promoción, limitará ao máximo o acceso á universidade e favorecerá acceder canto antes a un precario mercado laboral. Tamén permitirá a LOMCE a segregación do alumnado por sexo.

Bravo denuncia que a LOMCE reforza a importancia da relixión, materia que contará para a nota media. “O Ministerio de Educación pretende dotar de poder a igrexa no eido do ensino, como se a igrexa for a patronal”, afirma. E é que a relixión terá o mesmo peso que, entre outras materias, filosofía, e terá unha maior consideración que, por exemplo, a lingua e a literatura galega.

A concelleira do BNG tamén alerta de que a LOMCE, claramente privatizadora e antidemocrática, recorta competencias e centraliza o ensino. “A Xunta de Galiza pasará a se converter nunha mera executora das decisións que desde o Goberno central se tomen, porque se perderán todas as competencias que estatutariamente ten reservadas a administración galega en materia de educación", engade. “Trátase dunha lei antiga, españolizadora, antidemocrática, elitista e sectaria”, conclúe.

 

Bravo participa na mesa de debate sobre a LOMCE e durmirá no IES de Zalaeta

A concelleira nacionalista, en calidade de Orientadora do IES de Zalaeta, participa esta tarde na mesa de debate sobre a LOMCE con motivo dos peche convocado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Participará tamén Jurjo Torres Santomé, catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Facultade de CC da Educación da UDC e moderará Ramón Verás, membro da Directiva da ANPA do instituto. A Xunta de Galiza desbotou o convite a participar nesta mesa de debate, que terá lugar ás 19h no salón de actos do IES de Zalaeta.

Ademais, no marco do peche convocado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, María Xosé Bravo quedará a durmir esta noite no IES de Zalaeta, co alumnado e profesorado que protesta contra a LOMCE. O peche terá lugar desde as 17h de hoxe, mércores, até ás 10h de mañá, xoves.

Bravo: "A LOMCE privatiza, españoliza, elitiza e é sumamente lesiva para alumn@s e docentes"