O BNG celebra que se vaia repetir o concurso para escoller a dirección da Luís Seoane e sinala as responsabilidades da alcaldesa
Na pregunta por escrito, Queixas puña de relevo as irregularidades do proceso: na comunicación do resultado do concurso non se recollían as puntuacións relativas ao “plan de actuación e entrevista” e á “proba de coñecemento”, mentres que nas bases da convocatoria non figuraba o preceptivo prazo de reclamacións e alegacións.
Para o BNG, existe unha evidente responsabilidade por parte do Goberno Local e singularmente da alcaldesa, presidenta da Fundación, na comisión destas irregularidades. Inés Rey só actúa após o BNG, e reputados profesionais do sector, criticar o procedemento.
Anuncia agora a alcaldesa un novo concurso con “toda a transparencia do mundo”, mais a nosa pregunta é por que esa transparencia non a houbo até agora. De feito, non nos foi concedido o acceso ao expediente do concurso solicitado por Mercedes Queixas no momento en que formulou a pregunta por escrito.
“Desde logo non é así como se coida do legado de Luís Seoane, un dos grandes tesouros culturais da cidade, nin como se terma do prestixio da fundación que leva o seu nome”, afirma Mercedes Queixas.