O MÁXIMO ÓRGANO DA FORMACIÓN NACIONALISTA NA CIDADE ELIXE A COMISIÓN ELECTORAL
A Asemblea dá inicio aos traballos previos á campaña de 2027, con vistas a ser a alternativa de goberno que a cidade precisa
"Temos a ilusión e a confianza de que podemos acadar un resultado que sitúe o BNG como o goberno que A Coruña precisa para ser a cidade líder do noso país", afirma Ignacio Siota, o noso responsábel local.
A Asemblea Local do BNG reuniuse para dar inicio aos traballos previos á campaña das eleccións municipais de 2027, con vistas a conformar a alternativa de goberno que a cidade precisa.
Na xuntanza, o máximo órgano do BNG da Coruña elixiu a comisión electoral que coordinará eses traballos.
A Asemblea Local entende que A Coruña necesita un goberno local que libere todas as súas potencialidades e que a converta na cidade referencial, líder, no noso país.
Unha cidade que sexa vangarda por potencia económica, cultural, pola calidade do seu modelo urbano e tamén por, desde o seu ámbito competencial, dar solucións ao maior problema social co que lidamos a esta altura, as dificultades, enormes, para acceder a unha vivenda digna a prezos razoábeis.
O actual Goberno Local carece dun proxecto de cidade ambicioso e non só iso, senón que tampouco é quen de ser eficaz na xestión do día a día, no manexo dos asuntos que atinxen a calidade de vida das coruñesas e dos coruñeses, desde a limpeza das rúas e o mantemento dos barrios até a mellora e modernización dos servizos públicos básicos, lastrados por contratos que se prestan en precario.
O BNG si ten ese proxecto de cidade ambicioso, nado do contacto directo da nosa organización coas coruñesas e os coruñeses, do coñecemento das súas demandas, as súas inquietudes e as súas arelas.