O BNG alerta das diferenzas de trato discriminatorias no Ofimático
A Coruña, 30 de agosto de 2014- En relación coa modificación do plan parcial do sector 10 Parque Ofimático (Diario Oficial de Galiza de 28 de abril 2014, número 80), que está actualmente en trámite, o Grupo Municipal do BNG quere alertar das diferenzas de trato discriminatorias e non xustificadas do Goberno Local no Ofimático.
Segundo as nacionalistas, non é mesmo seren empresas ou sociedades promotoras (entre elas, a Xunta de Galiza) que persoas residentes, na medida en que o Goberno Local, ao mesmo tempo que desaloxa pola forza ás persoas residentes no Ofimático, tramita unha modificación do Plan Parcial pensada única e exclusivamente nos intereses das empresas privadas e sociedades promotoras.
Así, mentres que modifica as determinacións deste plan parcial para tales empresas privadas e sociedades promotoras, o Goberno Local non recolle as demandas das persoas residentes desaloxadas (ou en trámite xudicial de desaloxo) nin das outras persoas propietarias privadas do sector, máxime cando o propio Goberno local pretendía introducila ao amparo dun informe externo por un procedemento inaxeitado desde o punto de vista legal e sen informes municipais.
Algúns dos cambios en beneficio único e exclusivo das empresas privadas e sociedades promotoras
Tal e como figuran nas alegacións presentadas no seu día polo Grupo Municipal do BNG ao expediente da segunda información pública da modificación do plan parcial do Sector 10 Parque Ofimático (expediente 631/240/2011 MPP 1/11), resulta, que entre outras moitas cousas, o Goberno Local vai permitir no caso de se aprobar definitivamente esta modificación do plan parcial o seguinte.
En primeiro lugar, un incremento da edificabilidade residencial e terciaria, coa previsión dun novo mamotreto de B+14 en terreos que no plan vixente figuran especificamente como zona verde. En segundo lugar, unha redución da dotación para equipamento escolar. En terceiro lugar, a supresión da obriga do 50% para vivenda protexida. En cuarto lugar, un aumento de alturas en solares de promotoras privadas. En quinto lugar, o acceso aos sotos (garaxes privados) dalgunhas parcelas baixo subsolo público. En sexto lugar, unha reordenación de superficies e espazos públicos. E en sétimo lugar, unha mellora das condicións urbanísticas da parcela da Xunta de Galiza, consistente no cambio de uso incluído e opción de facer un mamotreto de B+14, sempre coa finalidade de facilitar a súa venta.
Cambios beneficiosos que, nalgunhas ocasións, son consecuencia da admisión das solicitudes presentadas fóra de prazo polas propias empresas e sociedades promotoras, como é o caso de Inversións Parque Ofimático S.L.
Segundo denuncian as nacionalistas, moitos destes cambios beneficiosos que figuran neste expediente da segunda información pública da modificación do plan parcial do Sector 10 Parque Ofimático (expediente 631/240/2011 MPP 1/11), que se está a tramitar, son consecuencia nalgúns casos de estimación de alegacións presentadas extemporaneamente.
É o caso de Inversiones Parque Ofimático S.L. Malia recoñecerse abertamente que a alegación de Inversiones Parque Ofimático S.L. «se ha presentado fuera del plazo previsto a tal efecto», se modifican as condicións de ordenación da parcela Z-34 tal e como solicitaba esta entidade (entre outras cousas, «solicita que se rectifique la altura»), indicándose para tales efectos que se modifica «la tipología edificatoria sobre la parcela, estableciéndola como de bloque abierto y ordenación mediante un estudio de detalle, fijando la altura máxima para la edificación en B+7».
Noutras palabras, se acepta de forma ilegal a súa alegación presentada o 17 de xullo de 2013, facendo os cambios solicitados sen xustificación de ningún tipo, cando o prazo para presentar as alegacións vencía o día 1 de xullo de 2013. Resulta curioso, ademais, comprobar como no caso doutras alegacións tamén presentadas fóra de prazo, o Concello da Coruña actúa correctamente, desestimando a solicitude, sen prexuízo de dar resposta á mesma, mais nunca procedendo á modificación solicitada (entre outros casos, véxase o caso das alegacións da Asociación de Veciños Uxío Carré de Eirís).