O BNG advirte de que o contrato con Albada se pode rescindir sen prexuízos para o Concello
A Coruña, 13 de setembro de 2013.- Os portavoces do BNG nos concellos da Coruña, Sada, Arteixo, Betanzos, Oleiros, así como outras concelleiras nacionalistas destes concellos tentaron hoxe visitar a planta de tratamento de Nostián, mais fóiselles impedida a entrada por parte da empresa que nin sequera quixo falar con eles.
As nacionalistas estiveron na entrada da planta coas traballadoras e traballadores, que levan corenta e oito días en folga, e aos que as concelleiras e concelleiros nacionalistas expresaron os seus apoios. No transcurso deste encontro o portavoz do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril manifestou que "o BNG quere saber de onde saca o alcalde, sr. Negreira, que o rescate custaría 50 millóns" e engadiu que o BNG non está a falar de rescate, senón que está a falar, tal e como figura no prego de condicións administrativas de rescindir o contrato da concesión, precisamente, por incumprimento grave das obrigas da empresa. E cando nós estamos a falar de rescindir o contrato por incumprimento por parte da empresa, non só o Concello non ten que pagar nada, senón que incluso a propia empresa debería indemnizarlle ao Concello por prexuízos.
Abel López, voceiro nacionalista en Sada, sinalou que ao PP nunca lle gustou a planta de Nostián, nunca apostou pola reciclaxe, o PP na Galiza apostou sempre pola incineración, e polo tanto o que se agacha aquí é converter Nostián nunha planta de transferencia e vincular todo a Sogama. E nesa estratexia sobrarían traballadores. E isto é o que está detrás de todo isto.
Ademais, manifestou, o responsábel nacionalista en Sada, que o lamentábel é que desde os concellos da bisbarra e desde os alcaldes da área metropolitana non exerzan máis presión sobre unha situación que se está a converter nun atraco aos cidadáns porque os cidadáns da área da Coruña están a pagar por reciclar o seu lixo e resulta que non se está a facer. E polo tanto teñen que ser máis contundentes e tomar partido na solución inmediata deste conflito. Así, sobre o pleno do Consorcio das Mariñas de onte dixo que a resolución só dilata o problema e que é unha tomadura de pelo á cidadanía xa que a encomenda ao presidente do Consorcio é un paripé xa que supoño que o presidente estará en contacto co alcalde continuamente diante dun conflito tan importante, manifestou o responsábel nacionalista.