O BNG advirte de que o acordo Concello-Porto-Promotora de Vío é un convenio urbanístico
A Coruña, 5 de setembro de 2013.- En relación co Protocolo asinado na mañá de hoxe polo Concello, Autoridade Portuaria e Promotora Urbana de Vío, o Grupo municipal do BNG lémbralle ao Goberno Local e á Autoridade Portuaria que a negociación, celebración e cumprimento dos convenios urbanísticos réxense polos principios de transparencia e publicidade. Por esta razón, exixe a publicación inmediata na web municipal do contido do acordo e a tramitación deste acordo como o que realmente é, un convenio urbanístico para a execución do planeamento.
E como convenio urbanístico que é (art. 236 da LOUG), é necesaria a súa publicación, sometelo ao trámite de información pública para que todo o mundo que queira poida facer alegacións e resolver as alegacións presentadas conforme o exixe o art. 237 da LOUG
1. Unha vez negociados e subscritos, os convenios someteranse ó trámite de información pública, mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia e, como mínimo, nun dos xornais de maior difusión na provincia, por un período mínimo de vinte días.
3. Trala información pública, o órgano que negociase o convenio deberá, á vista das alegacións, elaborar unha proposta de texto definitivo do convenio, da que se dará vista á persoa ou ás persoas que negociasen e subscribisen o texto inicial para a súa aceptación, reparos ou, se é o caso, renuncia.
4. O texto definitivo dos convenios deberá ser ratificado polo órgano competente e deberá asinarse dentro dos quince días seguintes á notificación da aprobación do texto definitivo pola persoa ou persoas interesadas, privadas ou públicas. Transcorrido este prazo sen que tal asinamento tivese lugar, entenderase que renuncian a aquel.
O Grupo municipal do BNG á espera de que se publique o contido do acordo, solicitará acceso ao mesmo.