O BNG reclama perante os tribunais o acceso ás auditorías de Albada

O BNG reclama perante os tribunais o acceso ás auditorías de Albada

A Coruña, 5 de setembro de 2013.- Logo da xuntanza que os grupos municipais da oposición mantiveron hoxe de mañá cos representantes sindicais dos traballadores de Albada, o portavoz do Grupo municipal do BNG, Xosé Manuel Carril sinalou, que o Goberno non quere facer públicas as auditorías económica e medioambiental, porque sabe que a empresa está a incumprir o prego de condicións administrativas e as porcentaxes de reciclaxe.

O nacionalista, sinalou, que estamos ante unha concesión administrativa dun servizo público, no que o Concello é o titular do servizo público e a empresa Albada a concesionaria, que tendo beneficios económicos multimillonarios pretende rebaixar e precarizar as condicións laborais e salariais dos traballadores e das traballadoras. Mais non só iso, porque, tal e como se está a evidenciar desde diferentes instancias, a empresa está a incumprir as súas obrigas como concesionaria do servizo público do tratamento do lixo. Por tanto, estamos ante unha empresa que, ademais de precarizar as condicións laborais da súa plantilla, incumpre co Concello e coa cidadanía.

“Mais o Concello, titular do servizo público, afirmou Carril, está a ollar para outro lado. E non só isto, senón que cando as traballadoras e os traballadores saen á rúa para denunciar o intento empresarial de precarización das súas condicións laborais, o único que fai o Goberno local é pór toda a súa atención e todas as súas forzas en criminalizar os operarios, mais en ningún momento lle pide responsabilidades da situación actual á empresa, equiparando a vítimas con verdugos”.

O BNG reclama perante os tribunais o acceso ás auditorías de Albada