INSTAMOS O GOBERNO LOCAL A QUE POÑA EN MARCHA XA A OFICINA MUNICIPAL DE REHABILITACIÓN
Barrio das Flores: menos venda de fume e máis pasos para concretar o Plan Director!
Ao mesmo tempo, o Bloque insta a Xunta a que dote o antigo Fogar do Pensionista dos servizos pendentes.
Diante do cruzamento de declaracións relativas ao Barrio das Flores entre altos representantes do goberno central e Concello da Coruña (PSOE) e Xunta de Galiza (PP), o BNG lamenta que estas declaracións sexan máis unha vez só propaganda mentres os intereses reais da veciñanza seguen sen atender por uns e outros.
A realidade é que o Plan Director para o Barrio das Flores, de cuxa elaboración leva anos falándose, continúa sen contar cun só euro de orzamento para ser executado. Ao mesmo tempo seguen sen se resolver as numerosísimas eivas e deficiencias detectadas durante a rolda de participación veciñal, mesmo aquelas máis perentorias relativas á accesibilidade ou ás estruturais propias dun barrio con máis de medio século de vida.
Tampouco nos parece afortunado o anuncio feito polo delegado da Xunta, Gonzalo Trenmor, de que o Centro Sociocomunitario do Barrio das Flores volvería dar servizo ás persoas maiores, sendo que o BNG e a veciñanza descoñecen que momento este centro, o antigo Fogar do Pensionista, deixou de estar operativo, con excepción do estado de emerxencia durante a fase máis restritiva da pandemia.
O único que continúa fechado neste centro dependente da Xunta de Galiza son a cafetaría e o salón de peiteado, ambos pendentes de licitación desde hai meses precisamente pola desidia do goberno autonómico. E ao BNG cónstalle que no barrio hai persoas interesadas en xestionar ambos servizos.
Fronte a tanta inacción, o BNG continuará a reclamar aos gobernos central, da Xunta e municipal que deixen de perder o tempo e poñan en marcha dunha vez medidas de rexeneración reais. A máis inmediata, unha Oficina Municipal de Rehabilitación específica para o Barrio das Flores, pois este si que será un paso adiante moito máis do que simbólico para comezar a achegar solucións aos problemas da veciñanza.