A MILITANCIA NACIONALISTA MOSTRA O SEU PROFUNDO AGRADECEMENTO A JORQUERA POLO SEU GRANDE TRABALLO AO LONGO DESTES ANOS

Avia Veira vai ser a candidata do BNG á Alcaldía da Coruña após recibir o apoio unánime da Asemblea Local

WhatsApp Image 2026-03-25 at 22.12.42
Un momento da votación
A Asemblea Local do BNG da Coruña votou por unanimidade Avia Veira como cabeza de lista nas eleccións municipais de 2027.
Avia Veira vai ser a candidata do BNG á Alcaldía da Coruña após recibir o apoio unánime da Asemblea Local

Avia Veira (A Coruña, 1986) vai encabezar a lista do BNG nas eleccións municipais de maio de 2027 após recibir este serán o apoio unánime da Asemblea Local.

Concluído o pasado 18 de marzo o prazo de presentación de propostas para liderar a lista, foi Avia Veira quen decidiu dar un paso á fronte e o Consello Local asumiu como propia a súa candidatura.

No seu currículo destaca a súa condición de deportivista e de filóloga galega e nese sentido traballou como técnica de normalización lingüística e como correctora de exames na Escola Oficial de Idiomas.

Medrou no barrio de Labañou, mora en Monte Alto desde hai 17 anos e leva no Concello desde 2012. En 2023 asumiu funcións como portavoz nacionalista na Deputación. É tamén integrante do Consello Nacional.

Veira vai protagonizar este xoves unha conferencia de prensa, acompañada pola nosa portavoz nacional, Ana Pontón, para ofrecer as súas primeiras declaracións como candidata do BNG á Alcaldía. Será a partir das 10.45 horas e poderedes acompañala a través da nosa conta en Instagram.

É a primeira vez na historia que o BNG presenta unha muller como candidata a liderar a nosa cidade.

Veira tomará así o relevo de Francisco Jorquera após o noso portavoz anunciar días atrás que ía pór fin ao seu traballo no Concello ao final deste mandato.

A militancia nacionalista -a comezar pola propia Veira- mostroulle a Jorquera o seu profundo agradecemento pola súa entrega e traballo ao longo destes anos.

 

 

 

 

Avia Veira vai ser a candidata do BNG á Alcaldía da Coruña após recibir o apoio unánime da Asemblea Local