AVIA VEIRA, NO SEU PRIMEIRO ENCONTRO COS MEDIOS APÓS SER ELIXIDA CABEZA DE LISTA POLA ASEMBLEA LOCAL

"Quero ser a alcaldesa da Coruña porque creo firmemente que podemos ter unha cidade mellor"

Foto de grupo en María Pita
Siota, Jorquera, Pontón, Veira, Queixas e Soto, en María Pita
No seu primeiro encontro cos medios após ser elixida pola Asemblea Local do BNG como candidata nacionalista á Alcaldía nas eleccións municipais de maio de 2027, Avia Veira mostrou a súa determinación de liderar o Goberno Local no próximo mandato: “Quero ser a alcaldesa da Coruña porque creo firmemente que podemos ter unha cidade mellor”.
"Quero ser a alcaldesa da Coruña porque creo firmemente que podemos ter unha cidade mellor"

Veira ofreceu as súas primeiras declaracións como candidata acompañada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o portavoz do Bloque no Concello, Francisco Jorquera; o responsábel local, Ignacio Siota; a concelleira Mercedes Queixas e o concelleiro David Soto.

“Quero parabenizarte Avia, a ti e a militancia. O BNG da Coruña fai contigo unha aposta sólida, unha aposta por unha persoa cunha enorme traxectoria, que pensa A Coruña en grande e que ten a cidade na cabeza e no corazón”, afirmou Ana Pontón.

Da man de Avia Veira o BNG disponse a abrir “un tempo novo para A Coruña”, remarcou.

“A Coruña ten o potencial de se tornar en referente na Galiza e no Estado. A Coruña merece ter máis calidade de vida urbana, máis ilusión e máis futuro. Avia Veira ten a forza, as ideas, a capacidade e a ilusión para liderar o Concello”, engadiu.

Palabras para Pontón, Jorquera, Queixas, Soto, Siota

Por súa parte, Veira agradeceulle a Pontón a súa presenza neste encontro cos medios. “Quero agradecerlle que hoxe estea aquí. Ela é apoio fundamental. É sororidade, confianza, traballo, seriedade, amabilidade, positividade”.

Foto de grupo
Foto de grupo

A candidata do BNG á Alcaldía tivo tamén palabras para Jorquera: “É un pracer traballar ao teu carón, aprender cada día dos teus valores, do teu xeito de entender a política como servizo público”. “A Mercedes Queixas”, acrecentou, “quero agradecerlle a sororidade -unha palabra grande e fundamental que define a nosa relación-, por ser compañeira e amiga”.

Agradecemento que estendeu a David Soto –“pola súa comprensión e apoio, fundamentais para min”- e, por suposto, á militancia do BNG, “aquí representada polo responsábel local, Ignacio Siota”, por ter depositado unha enorme confianza en min”.

A primeira muller candidata á Alcaldía

“Preséntome como candidata á Alcaldía con moita ilusión, sabendo da enorme responsabilidade que isto implica para min e, sobre todo, fágoo con convicción”, resaltou.

E a seguir remarcou que é a primeira muller candidata do BNG á Alcaldía da Coruña: “Quero agradecerlle a todas as mulleres do BNG que estiveron en posicións de responsabilidade e implicadas na nosa localidade toda a súa entrega, porque se eu hoxe dou este paso é por todas elas e tamén por todas as coruñesas”,

Unha cidade mellor

Podemos ter unha cidade mellor. Esa é a convicción da que parte a candidatura de Veira.

A Coruña “é unha cidade extraordinaria” e con moitas fortalezas –“cun tecido económico, social, deportivo e cultural rico e moi potente”-, mais á vez é unha cidade “con persoas que teñen problemas reais que esixen respostas reais”.

Esa é a cidade que pode e debe ir a mellor.

“Temos veciñas e veciños que non poden pagar o aluguer nos seus propios barrios. Temos mozas e mozos que marchan fóra porque aquí non atopan un futuro digno. Temos servizos públicos básicos que non funcionan ben: limpeza, lixo, transporte público, contratos caducados...

Temos unha política cultural entregada aos intereses privados dos organizadores dos festivais de pagamento mentres se abandona o programa de lecer, traballadoras e usuarias, ou o noso querido Noroeste...

022A0867
Avia Veira, durante a súa presentación como candidata á Alcaldía

Temos unhas políticas de mobilidade que non avanzan cunha concesión caducada, sen políticas nin alternativas para os aparcadoiros da cidade, para un servizo de bibicoruña que precisa melloras, e un espazo público descoidado”.

Todos estes non son “problemas abstractos” e si historias de familias concretas, “de persoas concretas, desta cidade concreta”. “E merecen solucións concretas”, salientou.

Pór A Coruña no centro

O BNG vai afrontar as eleccións do ano vindeiro cunha proposta clara: “Pór A Coruña no centro e gobernar a cidade pensando na xente”.

“Queremos unha cidade con vivenda accesíbel e digna, onde ningunha familia teña que escoller entre pagar o aluguer e chegar a fin de mes. Queremos unha cidade con transporte público de calidade, limpo e eficiente. Queremos máis accesibilidade. Queremos unha cidade limpa, con máis zonas verdes e espazos para convivir. Queremos barrios vivos porque son o verdadeiro corazón desta cidade.

Queremos apoiar os mercados, o comercio de proximidade, todas esas persoas autónomas que fan que esta sexa unha cidade viva. Queremos apoiar a cultura que se fai na nosa cidade e que tantas alegrías nos dá… Queremos apoiar todo o tecido deportivo que é básico e transversal na Coruña.  Queremos, en definitiva, unha Coruña pensada para as persoas que aquí vivimos e traballamos”.

A Coruña merece “un goberno que estea á altura da cidadanía”, ou sexa, “un goberno honesto, valente e comprometido con quen vive e traballa nesta cidade, un equipo que estou decidida a liderar”

Filla desta cidade

A Coruña é a cidade da vida de Avia Veira: “Son filla desta cidade. Aquí nacín, aquí estudei, aquí construín a miña vida e quero que A Coruña teña un futuro mellor. Non veño con promesas baleiras. Veño co traballo feito, co coñecemento da cidade, do Concello e, desde logo, imos configurar un equipo que coñeza os barrios, as necesidades, as esperanzas da nosa xente”.

Equipo e proxecto: “Veño tamén coa forza dun proxecto político que leva décadas traballando por esta cidade desde a honestidade e o rigor: o do BNG. Somos a alternativa para as persoas cansadas de políticas que están moi por debaixo das súas expectativas. Somos a alternativa para as coruñesas e os coruñeses que queren unha cidade máis xusta e sostíbel, unha cidade mellor gobernada”.

“Voulle pedir a súa confianza ás coruñesas e os coruñeses. E comprométome a traballar duro cada día para merecela”, concluíu.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

"Quero ser a alcaldesa da Coruña porque creo firmemente que podemos ter unha cidade mellor"