Avia Veira pídelle ao Goberno Local a vixilancia do aparcamento indebido na contorna do mercado de Santo Agostiño
Que, nomeadamente de noite, vehículos sen dereito a o facer estacionen enriba das beirarrúas da rúa Pío XII ou na rúa Santo Agostiño é unha mala práctica que se está a producir de forma reiterada e que ten provocado numerosas queixas veciñais das que o grupo municipal se ten feito eco.
É por iso que a concelleira nacionalista Avia Veira volve rexistrar preguntas por escrito en relación a este asunto. Estamos a falar de aparcamentos indebidos na contorna do Mercado de Santo Agostiño, área reformada hai dous anos e medio para aumentar o espazo peonil na transición cara á Praza do Humor.
Refire Veira que “recentemente, unha persoa estivo a piques de ser atropelada por culpa dos coches mal aparcados”. Se ben a contorna foi reformada para lle dar prioridade aos peóns, o certo é que “cada día é máis hostil para as persoas que transitan por ela”.
A través dunha batería de preguntas por escrito, Veira pídelle ao Goberno Local que inicie unha campaña de vixilancia do aparcamento indebido, que informe sobre cantas sancións se teñen imposto e que diga se está disposto a instalar máis bolardos que disuadan a xente de aparcar nestas rúas, visando que a veciñanza “poida desfrutar con seguridade desta zona peonil”.