Avia Veira pide que se atendan as alegacións dos sindicatos ao Estatuto de Industrias Electrointensivas
Durante a súa intervención na tertulia de Intercoruna, Avia Veira instou o Goberno do Estado a que teña en conta "as alegacións dos sindicatos". "O Estatuto de Industrias Electrointensivas necesariamente ten que garantir o mantemento dos postos de traballo por parte das empresas", alega a concelleira nacionalista, quen remarca que o PSOE se comprometeu co BNG, no Acordo de Investidura no Congreso, a aprobar un marco regulatorio para as industrias altamente consumidoras de enerxía que asegurase unha tarifa eléctrica xusta e blindase o emprego.
"O borrador do Estatuto non é en absoluto satisfactorio. Non resolve ben a compensación polas emisións de C02, nen libera a factura dunha parte importante dos custos alleos ao sistema", avalía Veira.
"É un problema que os baixos comerciais se convertan en vivendas"
Avia Veira tamén valorou a conversión de baixos comerciais en vivendas, após a Xunta de Goberno Local ter aprobado a semana pasada que o baixo de catro edificios se puidesen habilitar como moradas.
"O acordo de investidura que asinamos co PSOE en María Pita contempla a creación dun banco de baixos comerciais. É un problema que se convertan en vivendas. Os baixos comerciais, e sábeno ben por exemplo as veciñas e veciños da Cidade Vella, fan falta para os barrios seren dinámicos e teren servizos", di Avai Veira.
É un problema tamén para as persoas que merquen vivendas que outrora foran baixos comerciais. "Hai que as regularizar ben, pedir unha licenza para que se adapten a un uso residencial, porque do contrario o día de mañá podes ter problemas, co seguro de fogar ou con calquera cuestión relacionada coa comunidade de veciños...".
A maneira de abordar a cuestión do difícil acceso á vivenda na cidade non debe pasar por esta práctica -"sen que teñamos que chegar ao extremo de prohibila"- e si polo desenvolvemento de políticas alternativas, como a posta en marcha dun banco público de vivendas do Concello en réxime de aluguer, salientou a edil nacionalista.