Avia Veira: "Como alcaldesa impulsarei a Área Metropolitana, proxecto abandonado estes anos polo goberno de Inés Rey"
A portavoz do BNG no Concello e candidata á Alcaldía, Avia Veira, anunciou esta mañá, en conferencia de prensa, que o grupo municipal nacionalista levará ao Pleno da vindeira semana, xoves 11 de xuño, unha moción para instar o Goberno Local a que se implique no impulso da Área Metropolitana da Coruña.
“Desde logo que cando sexa alcaldesa impulsarei a Área Metropolitana da Coruña. Precisamos dunha nova ferramenta para axudar a resolver problemas que viven acotío as persoas que viven e traballan nesta grande área urbana da Coruña. Cunha Área Metropolitana teremos un mellor transporte público, menos atascos, servizos máis coordenados e unha planificación máis coherente dunha realidade que xa funciona en grande medida como unha única área urbana arredor da Coruña”, afirmou Veira.
“O Concello da Coruña está chamado a liderar esa Área. Desde logo así será cando o BNG lidere o goberno da cidade”, remarcou.
Veira salientou que o impulso da Área Metropolitana “é un asunto que figuraba no Acordo de Investidura”. “Infelizmente, o Goberno Local do PSOE deixouno de lado durante estes anos”, censurou.
“Nestes 7 anos de goberno de Inés Rey, este foi un asunto absolutamente abandonado. O Goberno Local do PSOE presumiu de boas relacións institucionais coa Xunta do PP, de acordos con Oleiros e Arteixo, o PSOE está tamén no goberno de Culleredo e, porén, non avanzaron absolutamente nada neste tema”, razoou.
Non é só que non se impulsase a Área Metropolitana, tampouco “foron quen de empurrar para crear a Autoridade Única de Transportes” nin de “ter un diálogo fluído co Consorcio das Mariñas en todo o que ten a ver coa xestión do lixo”.
Vantaxes da Área Metropolitana
Debullounas así Avia Veira.
Mellor transporte público: “Prezo único para moverse por toda a área, horarios coordinados entre autobuses urbanos e interurbanos, máis frecuencias nas horas puntas, mellores conexións cos polígonos industriais, hospitais e universidades”.
Menos atascos e mellor mobilidade, “planificando aparcadoiros disuasorios e creando redes de carrís bici ben conectadas”.
Planificación da vivenda máis equilibrada. “Actualmente cada concello toma decisións urbanísticas por separado. Nunha área metropolitana poderíase repartir mellor o crecemento residencial, reservar máis solo para vivenda protexida e coordinar servizos onde se constrúan novos barrios”.
Servizos públicos máis eficientes: “Con destaque para a recollida e tratamento do lixo, mais tamén no que atinxe os equipamentos deportivos ou culturais”,
Máis forza para atraer investimentos: “Unha área metropolitana de máis de medio millón de habitantes ten máis peso económico e político que cada concello por separado, o que pode facilitar a captación de fondos europeos, a atracción de empresas e a consecución de investimentos para infraestruturas”.
Mellor coordinación ambiental. “A contaminación, os ríos ou a protección da costa non entenden de fronteiras ambientais. Un organismo metropolitano podería coordinar a protección e xestión do litoral, a prevención de inundacións e a planificación de políticas de calidade do aire”.
Unha maior oferta cultural e deportiva. “Os concellos poderían programar actividades de forma coordinada, desde calendarios complementarios até eventos deportivos compartidos e descontos ou acceso común ás instalacións”.