Avaliación do BNG da Coruña sobre o encontro Feixoo-Ábalos-Rey
1.-O anuncio de que o Goberno central licitará as obras do enlace ferroviario a Punta Langosteira en xullo unha vez que se confirme a recepción de fondos europeos non pode considerarse firme e introduce unha obvia incerteza: a UE ten aínda que aprobar a concesión dese diñeiro.
Na reunión, as tres administracións limitáronse, pois, a expresar un desexo, mais que a establecer un compromiso, que non estaría na súa man ao depender da autorización de Bruxelas.
Baixo o punto de vista do grupo municipal do BNG da Coruña, o Goberno Central tería que comprometer a licitación no mes de xuño, tal e como demandou por unanimidade o Pleno do Concello, con cargo aos orzamentos do Estado e ante a eventualidade de que a UE ou ben rexeite a concesión deses fondos ou ben demore a súa adxudicación.
2.-Coa información de que dispomos, ignoramos se o presidente da Xunta e/ou a alcaldesa da Coruña formularon na reunión a demanda da condonación da débeda contraída pola Autoridade Portuaria con Portos do Estado (200ME) para a construción da dársena exterior ou, no seu defecto, se puxeron sobre a mesa unha solución análoga, a de o Estado financiar a urbanización dos peiraos cunha cantidade equivalente ao débito. O grupo municipal do BNG vaille pedir explicacións ao respecto a Inés Rey.
3.-A proposta da Xunta para urbanizar o porto interior, a comezar polos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, é moi imprecisa. Ignoramos tamén se neste asunto a alcaldesa defendeu a titularidade pública de todos os terreos, incluído San Diego, e se mostrou a súa oposición a que se perpetre unha operación inmobiliaria a grande escala, tal e como defendeu recentemente o presidente da Xunta. A este respecto, demandarémoslle tamén explicacións á alcaldesa.