SESIÓN DE CONTROL AO GOBERNO LOCAL
Resposta evasiva de Lage a Jorquera sobre as xestións da alcaldesa a respecto de Alu Ibérica e Naturgy
“Entrevistouse a alcaldesa coa ministra ou co titular de Industria da Xunta?”, inquiriu o portavoz nacionalista.
A resposta do voceiro do Executivo coruñés foi totalmente evasiva. “Desde o Concello rexeitouse o traslado a Madrid dos centros de Naturgy”, dixo. “Mais o Concello non ten a capacidade de nacionalizar Alcoa ou de se facer con Naturgy. O que ten que facer é recabar o apoio unánime [do resto de forzas políticas] e facer a interlocución que está facendo co goberno de España e de Galiza”, dixo.
Mais en ningún momento deu precisado nin a que nivel se produce esa “interlocución” nin os resultados que dela se derivan.
Si dixo que a política industrial non é competencia do Concello, asunto sobre o que Jorquera se mostrou de acordo. “Mais nós nunca defendemos que A Coruña funcionase como unha cidade estado”, ironizou o voceiro nacionalista en clara alusión á etapa de Francisco Vázquez como alcalde da cidade, época reivindicada en non poucas ocasións por Lage no Pleno.
Na súa intervención, Jorquera instou a alcaldesa a que non sexa “unha espectadora pasiva” mentres “non se para destruír emprego” e, nese sentido, mostrou a súa grande preocupación pola noticia que se coñeceu hoxe, a presentación por parte de Repsol dun ERTE que atinxiría case un terzo do cadro de persoal da refinaría da Coruña (212 traballadoras e traballadores).
“A alcaldesa ten que ter unha actitude proactiva. Mediar ante as ameazas de fechamento e deslocalización. E ten que ter liderado. Ter claro o modelo. O proxecto de futuro que se quere para A Coruña e a súa comarca, tamén no económico”, concluíu.