Dimisión de Villoslada: as diferenzas internas no seo do PSOE xeran unha nova crise no Goberno Local
“Merécenos todo o noso respecto e, desde logo, desexámoslle o mellor no persoal”, di Francisco Jorquera sobre Juan Díaz Villoslada, o concelleiro de Urbanismo que acaba de facer pública a súa renuncia. “Alén das diferenzas políticas que temos con el, ten demostrado ser unha persoa cualificada e de grande valía no exercicio do seu labor”, engade.
Remarca Jorquera que o BNG sempre foi moi “respeitoso” cos procesos internos dos partidos, mais ao tempo o grupo municipal nacionalista constata que os conflitos dentro do PSdeG-PSOE se teñen trasladado ao Goberno Local, provocando unha constante inestabilidade no Concello.
Villoslada xestionaba unha área de grande importancia dentro do Goberno Local, polo que a súa marcha abre unha crise de goberno de dimensións aínda maiores do que as producidas no pasado cando a alcaldesa cesou a concelleira de Emprego, Eva Martínez Acón, ou retirou as competencias de Cultura a Jesús Celemín.
“Agardamos que esta nova crise de goberno non acentúe a parálise e ineficacia na xestión que está a caracterizar o Goberno de Inés Rey, froito das feblezas da súa equipa de goberno e os continuos problemas internos”, indica Jorquera.
“No Concello vemos falta de diálogo coa oposición, algo moi evidente durante a tramitación dos orzamentos, mais vemos tamén falta de diálogo dentro do propio Goberno Local”, engade o portavoz nacionalista.
“Esa incapacidade para o diálogo explica os numerosos episodios de inestabilidade que ten vivido o Goberno Local no que levamos de mandato”, conclúe.