A auga, lonxe de ser un ben esencial, é un negocio de Emalcsa do que se nutre o Goberno local
A Coruña, 12 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a auga, lonxe de ser un ben esencial da comunidade, é un negocio de Emalcsa, a empresa municipal de augas da Coruña, da que se nutre o Goberno Local do Partido Popular. As nacionalistas advirten de que aumentan a 22,01 millóns de euros os ingresos de Emalcsa por venda de auga dada a suba do recibo da auga- á vez que a empresa municipal renuncia a investir máis cartos para saneamento, abastecemento e distribución da auga..., mentres destina boa parte do investimento á ficción da Smart City.
Segundo as previsións orzamentarias para 2015, a empresa municipal de Augas da Coruña obterá por vendas de auga un total de 22.010.793 euros, é dicir 615.147 euros máis que as previsións para o exercicio actual, que son de 21.390.307 euros. As vendas de auga representan cáseque o 93% do importe neto da cifra de negocios da empresa. Por este motivo, o acrecentamento de beneficios da empresa para 2015 vén motivado polo negocio da auga, que provoca que o resultado do exercicio estimado para 2015 sexa de 3.816.186 de euros, é dicir 733.507 euros máis do previsto para o exercicio 2014 que é de 3.082.679 euros.
As nacionalistas xa denunciaron no seu día o encarecemento do recibo da auga que sufriron máis de 100.000 vivendas na cidade da Coruña en 2013 e que provocou que os ingresos de Emalcsa pola venda de auga pasasen de 19.185.606 euros en 2012 aos 22.010.793 euros previstos para 2015, cando, ademais, o consumo de auga está a baixar.
O investimento propio da empresa, á baixa mentres se incrementa o investimento na ficción do Smart City
O incremento dos ingresos, propiciados polo encarecemento do recibo da auga, non suporán unha suba daquelas partidas destinadas á mellora das redes de abastecemento, de saneamento, de distribución da auga... Así, o investimento a efectuar por Emalcsa durante 2015 reflicte que dos 11.912.199 de euros totais, 4.350.000 euros van para inmobilizado de explotación (1.350.000 euros menos que en 2014) e 7.562.199 euros van destinados a inmobilizado de Smart Coruña (2.393.379 euros máis que en 2014). Por tanto, o investimento propio e específico da empresa (saneamento, abastecemento, distribución da auga potábel...) mingua mentres se incrementa o gasto nas aplicacións, dispositivos e sistemas da ficción do Smart City .
En 4 anos máis de 4,5 millóns de euros para a Fundación
As nacionalistas tamén salientan que a cantidade que Emalcsa orza novamente para a Fundación Emalcsa, 1.350.000 euros, provocará que esta fundación, que só responde á ocultación e á falta de transparencia do Partido Popular, reciba da empresa pública de augas desde o ano 2012 máis de 4,5 millóns de euros para externalizar labores que poderían facer traballadoras e traballadores do propio concello.