MULTITUDINARIO FECHE DE CAMPAÑA DO BNG

Unha ateigada María Pita aclama a futura presidenta de Galiza

MP ateigada

Nun marco imponente, o BNG facturou un mitin para a historia. A praza de María Pita, ateigada, a superar todas as expectativas, a pór o ramo a unha campaña que ficará na memoria colectiva. "Presidenta! Presidenta! Presidenta!", aclamou María Pita a unha emocionada Ana Pontón. "A historia é nosa e comezamos a facela hoxe nesta praza. Comeza aquí unha nova época para o noso país", dixo. Pontón resumiu o discurso do Bloque nunha frase: "Ao final de que se trata?? Trátase de confiar neste país, de confiar nas nosas propias forzas".

 

Unha ateigada María Pita aclama a futura presidenta de Galiza

"As crises son grandes oportunidades para ir a cambios estruturais e un cambio estrutural, apostar pola economía verde, pola ciencia e pola investigación, é o que necesita Galiza", remarcou Ana Pontón, quen con ton didáctico simplificou a elección que a sociedade galega ten que realizar o domingo. "A escolla este domingo é sinxela: ou o continuismo de Feijóo, cunha Galiza que vai a menos, ou o cambio galego que encarna o Bloque, o cambio de ter a primeira muller presidenta nacionalista e feminista da historia".

"Somos imparábeis. Aquí hai xa unha nova maioría. Imos saír a gañar", arengou a candidata nacionalista. Feijóo aproveitou a pandemia para lanzar a súa campaña cun descarado monocultivo na TVG. A intención era inocular resignación na sociedade galega. Mais a covid-19 non confinou os desexos de mudanza da sociedade galega, subliñou Pontón. E abriuse a onda do cambio galego, e enchéronse as prazas, e desatouse o entusiasmo.

Ana

"O noso é un proxecto de reconstrución do país en que non sobra absolutamente ninguén", explicou Xosé Luís Rivas 'Mini'. "Conquistaremos o dereito a vivirmos en galego. As mulleres, xuntas con Ana Pontón, faremos historia", acotou Mercedes Queixas. "Este domingo imos deixar atrás a ominosa década de Feijóo. Só hai unha forza que ten como único xefe o pobo e esa forza é o BE-NE-GÁ", resaltou Néstor Rego.

"Ana Pontón, unha muller valente, é a María Pita da política galega", apuntou Ana Miranda. "Ao contrario que o PP nós defendemos todo o pobo galego e non só a quen nos vota", completou.

 

MP3

E Francisco Jorquera, a quen lle correspondeu abrir o lume da palabra, puxo o auditorio desde o principio sobre a pista das aspiracións dun BNG que claramente vai a máis: "Imos facer historia". Unha historia con claro acento coruñés: foi na Coruña onde en 1920 tomou posesión o primeiro concelleiro nacionalista, Lois Peña Novo; foi A Coruña a cidade co primeiro alcalde nacionalista, Domingos Merino; foi A Coruña a cidade en que se fundou o BNG, relatou Jorquera.

E foi na Coruña onde concluíu a campaña que vai levar Ana Pontón a ser a primeira presidenta nacionalista e feminista da historia do país. Nun mitin tamén histórico, cunha praza María Pita pletórica, presaxio dun 12X que abrirá un tempo novo para Galiza.

 

 

Unha ateigada María Pita aclama a futura presidenta de Galiza