A CANDIDATA NUN ENCONTRO VIRTUAL SOBRE AS UNIVERSIDADES PÚBLICAS DO PAÍS

Queixas fai un convite a asistir ao "histórico mitin" de María Pita e "a votar masivamente BNG o 12X"

Mercedes Queixas no Encontro Virtual
Cun convite a asistir ao "histórico mitin" de María Pita e cun chamado a "votar masivamente BNG o 12X" concluíu Mercedes Queixas a súa intervención na tarde deste xoves nun novo encontro virtual organizado polo BNG da Coruña, desta volta arredor do estado das universidades públicas galegas. 
Queixas fai un convite a asistir ao "histórico mitin" de María Pita e "a votar masivamente BNG o 12X"

"O 12X xogámonos moito como país e naturalmente o ensino público e o sistema universiario galego tamén se xogan moito", argumentou Mercedes Queixas. "Aquí hai dúas opcións. Ou a aposta pola universidade pública que fai o BNG ou a aposta por lle facer un oco á universidade privada que fai o PP. Esa é a cuestión".

No encontro virtual de Mercedes Queixas coa comunidade universitaria -moderado polo responsábel local do BNG, David Soto- tomaron parte Xosé Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña de 2011 a 2015; Lydia Bouzas, estudante e responsábel de Erguer na Facultade de Dereito da UDC; e Alfonso Castro Martínez, profesor do departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC.  

Queixas fixo un convite a asistir ao peche de campaña que na praza de María Pita vai protagonizar Ana Pontón este venres a partir das 20 horas. "Vai ser un mitin histórico porque é a primeira vez que o BNG convoca un acto político nun escenario tan imponente e maxestoso. E vai ser un mitin histórico porque vai ser a última parada nun camiño que nos levará a facer historia este 12X, cando entre todas e todos fagamos de Ana Pontón a primeira presidenta nacionalista e feminista do país", dixo.

Alén de Ana Pontón e de Mercedes Queixas, no mitin tomarán a palabra Xosé Luís Rivas 'Mini', número dous da candidatura nacionalista pola Coruña; Francisco Jorquera, portavoz do Bloque no Concello da Coruña; ben como os voceiros do soberanismo galego no Congreso dos Deputados e en Bruxelas, Ana Miranda e Néstor Rego, respectivamente.

Queixas fai un convite a asistir ao "histórico mitin" de María Pita e "a votar masivamente BNG o 12X"