FRANCISCO JORQUERA, NA COMISIÓN DE DEPORTES.
"O informe sobre o España-Islandia cifra o retorno económico en 13,1 millóns, pero podía cifralo en 5 ou en 50"
O gasto que lle supuxo ao Concello ese partido foi de 429 mil euros, dos cales a Concellaría de Deportes achegou 400 mil e o Consorcio de Turismo os 29 mil restantes.
Segundo o informe de impacto económico, o retorno dese investimento sería de 13,1 millóns de euros.
Mais o informe limítase a relacionar as noticias aparecidas nos medios en relación co evento e a cuantificar o seu valor publicitario equivalente.
“É un informe feito a medida. Un informe ad hoc. Non nos parece serio. Cifra o impacto en 13,1 millóns de euros, pero podería telo cifrado en 5 ou en 50”, xulga o noso voceiro en María Pita, Francisco Jorquera.
Boa proba da falta de seriedade do informe achámola en que mesmo se relacionan noticias, co seu correspondente valor económico, que son obxectivamente negativas para A Coruña.
No informe relaciónanse como noticias con impacto positivo para a cidade novas como “Caos en Riazor: o público aínda fai cola no minuto 30 do partido dos 400 mil euros” e “a Federación multiplica caixa co mundial”
Así, aparece a información titulada “Caos en Riazor: o público aínda fai cola no minuto 30 do partido dos 400 mil euros”, á que se lle atribúe un valor de 141.075 euros (en función da súa audiencia acumulada en Internet). E tamén a noticia “A Federación multiplica caixa co Mundial”, cun valor suposto de 46.225 euros.
En realidade, esta última noticia ten moito de verdade, pois o partido foi todo un negocio para a Federación: non só percibiu 363.000 euros en conceito de canon, senón que tamén se reservou os ingresos vía venda de entradas ou publicidade.
“Vistos estes datos, reafirmámonos no dito desde un primeiro momento: este investimento era totalmente prescindíbel, porque vai en detrimento de atender as prementes necesidades do deporte local”, di Jorquera.
Así, as posibilidades económicas para organizar eventos da Concellaría de Deportes en 2022 fican seriamente comprometidas, pois dos 900 mil euros orzados para este exercicio, 400 mil xa van gastados neste encontro, denuncia o portavoz nacionalista.
Para Jorquera, os 429 mil euros gastados neste partido (400 mil deles imputados á Concellaría de Deportes) son “un investimento totalmente prescindíbel tendo en conta que vai en detrimento de atender as necesidades do deporte coruñés”
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, dixo durante a Comisión que en principio a previsión era que o encontro non se financiaría a cargo da súa Concellaría, senón doutros departamentos do Goberno Local (Alcaldía ou Turismo).
Finalmente decidiuse que o partido o financiase Deportes, mais co compromiso, salientou Mónica Martínez, de que ese diñeiro lle sería restituído a cargo de remanentes orzamentarios para non afectar negativamente o resto de actividades e accións que corren a cargo da Concellaría.