CUNHA SIGNIFICATIVA PRESENZA DE PERSOAS INDEPENDENTES
A Asemblea Local aproba por unanimidade o segundo tramo da candidatura do BNG para o 28M
A Asemblea Local do BNG, realizada no serán de onte, aprobou por unanimidade o segundo tramo da candidatura da formación nacionalista para o 28M, caracterizada por unha significativa presenza de persoas independentes, isto é, non afiliadas ao Bloque.
“A presenza de independentes na candidatura simboliza que cada vez hai máis sectores sociais que se achegan ao BNG, se senten identificados co noso proxecto de cidade e ven no Bloque a mellor ferramenta para que A Coruña desenvolva toda as súas potencialidades, para que lle deamos á cidade o impulso que precisa”, afirma o candidato do Bloque á Alcaldía, Francisco Jorquera.
As persoas independentes que figuran neste segundo tramo da candidatura son Fiz Seixo, arquitecto e veciño da Agra do Orzán; Rocío Gómez, desempregada, activista polo dereito á vivenda en Stop Desafiuzamentos e veciña da Cidade Vella; Iago Pazos, traballador da refinaría de Repsol, membro do comité de empresa pola CIG e veciño de Santa Margarida; Pablo Méndez Carreira, profesor de música nun centro de ensino, pianista e pedadogo musical, director do coro de Canticorum, do coro Breogán da ONCE e do coro Coruña Cores, activista LGTB e veciño da Pescaría; e Teresa Castro, xubilada, defensora moi activa da sanidade pública e veciña da Praza do Libro. Ocupan os postos 15, 16, 17, 20 e 26 da candidatura, respectivamente.
“A presenza de independentes na candidatura simboliza que cada vez hai máis sectores sociais que se achegan ao BNG e se senten identificados co noso proxecto de cidade”, afirma Jorquera
Canto ao primeiro tramo da candidatura –aprobado por unanimidade pola Asemblea Local do BNG realizada o 16 de febreiro- tamén figura unha persoa independente, no posto 14, Iria Buxán, licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, especialista en relacións internacionais e cun mestrado en xestión sustentábel da terra e do territorio, consultora para diversos organismos internacionais e xogadora da equipo de fútbol gaélico Fillas de Breogán.
De resto, Jorquera destacou que a candidatura do BNG configura un equipo “sólido e solvente”, con “moitas persoas novas e moi preparadas” e representa o que é A Coruña, unha cidade moi diversa tamén no territorial, e por tanto nela hai presenza de “veciños e veciñas” das distintas áreas da cidade. “Porque A Coruña é unha cidade de barrios e desde o BNG queremos pór os barrios no centro”, subliñou.
É tamén unha candidatura “con persoas de perfil profesional variado: traballadoras, profesionais, xestores de pemes, persoas moi implicadas nos movementos sociais e no tecido cívico: desde o ámbito cultural ao veciñal pasando polo sindical ou o deportivo”, remarcou.
“Con ela o BNG vai a por todas o 28 de maio. Non temos vocación de termos un rol secundario no Goberno Local. Temos a vocación de lideralo, a vocación de lle darmos á cidade o impulso que precisa”, enfatizou.
Quen pon o ramo á candidatura, na sempre simbólica última praza da lista, é o prestixioso catedrático xubilado de Física Química, ex decano da Facultade de Ciencias e ex reitor da Universidade da Coruña Xosé Luís Armesto Barbeito.
A candidatura féchaa Xosé Luís Armesto, ex reitor da UDC
Para concluír, Jorquera pon en destaque que a proposta de candidatura feita polo Consello Local do Bloque “se someteu a debate e a votación na Asemblea Local. Non foi aprobada por aclamación, houbo votación e o resultado da votación foi un refrendo unánime a esta proposta”. “Polo tanto”, engade, o “BNG pode presumir de ser unha forza democrática e extraordinariamente cohesionada para enfrontar o grande reto de lle imprimir á Coruña o cambio de rumbo que necesita”.
SEGUNDO TRAMO DA CANDIDATURA DO BNG:
15.- Fiz Seixo Vázquez (independente). Arquitecto. Veciño da Agra do Orzán
16.- Rocío Gómez Lema (independente). Desempregada. Activista polo dereito á vivenda en Stop Desafiuzamentos. Veciña da Cidade Vella.
17.- Iago Pazos Díaz (independente). Traballador da refinaría de Repsol. Membro do Comité de Empresa pola CIG. Veciño de Santa Margarida.
18.- Belén Gallart Concheiro. Autónoma. Veciña dos Mallos.
19.- Xabier Pérez Couto. Matemático. Divulgador científico. Colaborador da Agrupación astronómica Ío. Veciño do Paseo das Pontes.
20.-Pablo Méndez Carreira (independente). Profesor de música nun centro de ensino, pianista e pedagogo musical. Director do Coro de Canticorum, do Coro Breogán da ONCE e do coro Coruña Cores. Activista LGTB e veciño da Pescaría.
21.- Teresa Ramiro Fernández. Mariscadora e poeta. Activista na defensa das artes e do patrimonio no colectivo In Nave Civitas. Veciña de Catro Camiños.
22.- Manuel Bouzón Vila. Traballador xubilado de Emesa. Fotógrafo afeccionado. Veciño de Labañou.
23.- Nicolás Neira Rivera. Estudante de Xeografía na USC. Galiza Nova. Activista nas peñas deportivistas. Veciño de Visma.
24.- Beatriz Gómez Amigo. Activista do memorialismo na Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, da que foi presidenta. Veciña de Cances (A Silva).
25.- Jorge González Fernández. Funcionario da Xunta de Galiza. Veciño dos Mallos.
26.- Teresa Castro Ferreiro (independente). Xubilada, defensora moi activa da sanidade pública galega. Veciña da Praza do Libro.
27.- Xosé Luís Armesto Barbeito. Catedrático xubilado de Física Química na UdC. Ex Decano da Facultade de Ciencias e ex Reitor da Universidade da Coruña.