O PROXECTO NO SEU ESTADO ACTUAL RESPONDE A FÓRMULAS DO SÉCULO XX, NON DO XXI

Reforma da Avenida da Vedra: fan falta compromisos orzamentarios, non anuncios preelectorais

Jorquera 9M
Jorquera, durante o acto de presentación da candidatura
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, afirma en relación ao proxecto de reforma da Avenida da Vedra presentada onte pola alcaldesa e o director xeral de Estradas do Estado que “son necesarias realidades e non anuncios, sobre todo anuncios en época preelectoral”.
Reforma da Avenida da Vedra: fan falta compromisos orzamentarios, non anuncios preelectorais

E a realidade, subliña, é que nos orzamentos xerais do Estado para 2023 só aparece unha partida dun millón de euros para reformar a Avenida da Vedra e que os partidos no goberno do Estado votaron contra a emenda do BNG a eses orzamentos xerais para que a dotación se incrementase até os 5 millóns de euros. “Como realidade tamén é que a previsión plurianual só contempla unha outra partida para 2024 identicamente insuficiente de tamén un millón de euros. Por certo que a dotación orzamentaria para 2023 xa fora en orzamentos anteriores, sen ser executada”, anota o portavoz nacionalista.

“Polo demais, no proxecto anunciado botamos en falta unha aposta decidida polo transporte público”, remarca Jorquera.

Esa aposta debería concretarse na habilitación dun carril VAO na Avenida da Vedra, como vía para fomentar o uso do transporte público.

O proxecto non contempla a instalación dun carril VAO na Vedra, proposta do BNG que foi aprobada pola Corporación no Pleno de decembro de 2022

A proposta da implantación do carril VAO na Vedra –como tamén na futura reforma da Avenida da Pasaxe- figuraba nunha moción defendida polo BNG que foi aprobada no Pleno de decembro de 2022.

“Infelizmente esa proposta non figura no proxecto presentado onte, un proxecto que non se adecúa ás necesidades da mobilidade na área metropolitana da Coruña. É máis un proxecto para o século XX do que para o século XXI”, valora Jorquera.

 

Reforma da Avenida da Vedra: fan falta compromisos orzamentarios, non anuncios preelectorais