O NOSO PORTAVOZ FRANCISCO JORQUERA LEVA O ASUNTO AO #PLENOMAIO DESTE XOVES 8M

A Área Metropolitana, para cando?

Jorquera conferencia de prensa Fachada Marítima
Jorquera, nunha conferencia de prensa
O 3 de outubro de 2019, comezos do anterior mandato, o Pleno do Concello acordou -na súa parte resolutiva, e a instancias do Goberno Local- iniciar o procedemento para a constitución da Área Metropolitana da Coruña.
A Área Metropolitana, para cando?

Mais transcorridos seis anos, o Executivo local non deu ningún paso efectivo nesa dirección, a pesar de que no pacto de investidura asinado polo PSOE e o BNG figurase a redacción do proxecto de lei da Área Metropolitana como unha das medidas a concretar na primeira metade do mandato.

E quero lembrar que a primeira metade do mandato está a piques de concluír”, alerta o noso portavoz no Concello, Francisco Jorquera, quen por esa razón vai levar este asunto ao Pleno deste xoves 8M por medio dunha pregunta oral coa seguinte formulación: “Vai facer algo o Goberno local para iniciar o procedemento de creación da Área Metropolitana da Coruña?”

Jorquera lembra que, o pasado 23 de abril, a Xunta de Goberno Local aprobou un convenio marco co Concello de Arteixo para cooperar en materias como o transporte público e a xestión da auga e dos residuos, ben como tamén a planificación estratéxica, territorial e urbanística.

“Por iso”, pregúntase, “que vai facer o Goberno Local? Asinar tamén convenios con Oleiros, Culleredo, Cambre...? Con todos e cada un dos concellos da nosa comarca?”. A xuízo de Jorquera, claramente sería moito máis racional e eficaz “articular de vez a Área Metropolitana” , tendo en conta unha realidade insoslaiábel: os problemas da Coruña só son plenamente resolúbeis se se abordan desde unha escala supramunicipal, metropolitana.

Abondan uns datos a este respecto: “A semana pasada, coñecíamos un estudo segundo o cal das 126 mil persoas que traballan na Coruña, máis da metade residen noutros concellos, a inmensa maioría municipios da nosa contorna. Do mesmo xeito, residen noutros concellos case 60% das persoas de máis de 16 anos que estudan na Coruña, ao mesmo tempo que perto de 40 mil residentes na Coruña teñen o seu centro de traballo noutros concellos”.

De aí que, conclúe Jorquera, “non se pode deseñar o futuro da Coruña sen articular esta realidade metropolitana”.

 

 

 

 

A Área Metropolitana, para cando?