SOBRE O BARRIO DA SILVA, O COF DE ORILLAMAR E A MEMORIA DEMOCRÁTICA

O Pleno de maio aproba as tres mocións do BNG

Grupo municipal do BNG. Pleno de abril.
Grupo municipal do BNG
O Pleno de maio do Concello da Coruña aprobou as tres mocións formuladas polo BNG, unha delas, a relativa ás demandas e necesidades do barrio da Silva por unanimidade, as outras dúas -sobre o Centro de Orientación Familiar de Orillamar e sobre memoria democrática- co voto favorábel do grupo socialista e a oposición do PP.
O Pleno de maio aproba as tres mocións do BNG

Foi Mercedes Queixas quen defendeu a moción sobre a Silva. “A desigualdade nesta cidade vai por barrios”, comezou por dicir, até situar os barrios da Silva e de Cances como exemplos da falta de atención por parte do Goberno Local.

En realidade, o BNG impulsa esta moción porque o Goberno Local non foi quen de cumprir unha anterior, tamén da autoría da formación nacionalista, aprobada en xaneiro de 2021,  hai por tanto máis de 4 anos.

“Catro anos de incumprimentos coas veciñas e veciños da Silva e de Cances”, criticou Queixas.

En síntese, o que demanda o BNG é que se executen as actuacións aprobadas nos orzamentos participativos de 2017, 2018 e 2019, ben coo tamén adoptar medidas que doten a entrada da Silva dunha maior seguridade para o tránsito das persoas (elevar os dous pasos de peón da rúa Jaime Hervada, instalar semáforos...).

Captura de pantalla 2025-05-08 113906
Queixas, durante o Pleno

Igualmente, a moción insta o Goberno Local a facilitar a accesibilidade dos vehículos de emerxencia e de recollida do lixo e a instalar un parque infantil e unhas máquinas biosaudábeis no patio traseiro do Centro Cívico da Silva, ao tempo que se estende a rede público de saneamento, se garante a dotación de fibra de internet, se mellora a limpeza e se retira a herba da Pampa na contorna da Rolda do Real Club Deportivo.

Sobre o COF de Orillamar, o BNG, por medio de Avia Veira, denunciou que os recortes combinados por parte dos gobernos galego (PP) e local (PSOE) estaban a pór en serio risco un centro pioneiro nos coidados da saúde sexual e reprodutiva das mulleres coruñesas.

“Non é xusto que as mulleres paguemos a desatención do COF por parte dos gobernos galego e local”, afirmou.

O BNG aceptou unha emenda do grupo socialista por medio da cal se insta o Executivo coruñés a que revise o convenio coa Xunta para a xestión do COF. “Aceptámola, pero houbo tempo máis que de abondo para modificar o convenio sen por iso ter recortado servizos”, esclareceu Veira.

O BNG vai ser moi vixilante sobre a forma en que se negocia a revisión do convenio, alertou. “Se se negocia co SERGAS un novo convenio”, acotou, “ten que ser garantindo a permanencia no COF de Orillamar dun persoal específico e estábel para este centro. É moi importante garantir que se vai continuar a prestar unha atención integral ás mulleres neste espazo”, concluíu.

Captura de pantalla 2025-05-08 104816
Avia Veira, a defender a moción sobre o COF

De acordo co texto aprobado -e votado en contra polo PP- no novo convenio o SERGAS asumiría a cobertura específica e definitiva da segunda praza de Xinecoloxía, Psicoloxía Clínica, Traballo Social e auxiliar administrativa, en tanto que o Concello achegaría o equipamento e as instalacións precisas para o funcionamento do centro.

Canto á memoria democrática, a defensora da nosa moción, a concelleira Mercedes Queixas, relacionou as tarefas pendentes do Goberno Local nesta materia: desde a convocatoria do Consello da Memoria Democrática até a información a esta entidade de en que estado se atopa o proceso de revisión de oficio dos acordos municipais e ministeriais que, durante a ditadura, se saldaron coa adquisición fraudulenta da Casa Cornide por parte da familia Franco.

Tarefas pendentes son tamén a instalación da escultura en memoria dos “Irmáns da Lixivia”, da autoría de Ramón Conde, e cedida ao Concello por Selva García, filla do único irmán supervivente, e a incoación, antes de rematar 2025, dos expedientes de retirada de honras e distincións a persoas que participaron no golpe fascista de 1936 de acordo co informe elaborado polo Instituto José Cornide en 2019.

E non é menos pendente a de actuar perante a Xunta para que a Administración galega garanta o dereito da veciñanza a visitar a  Casa Cornide, desde o momento en que foi declarada Ben de Interese Cultural

 

 

 

O Pleno de maio aproba as tres mocións do BNG