SOBRE O COMEZO DO CURSO, A MUSEALIZACIÓN DO BUQUE ORZÁN E A NON INCAUTACIÓN DOS REMANENTES MUNICIPAIS
Apoio do Pleno de setembro ás tres mocións do BNG
A moción sobre o comezo do curso foi votada favorabelmente por PSOE e Marea Atlántica e en contra polo Partido Popular, en tanto que a iniciativa a prol do rescate do mítico arrastreiro Orzán obtivo os mesmos apoios e colleitou a abstención das bancadas conservadoras.
Canto á moción sobre o decreto que habilita o Estado para utilizar os superávits dos concellos, o BNG chegou a un texto transaccional co PSOE a partir dunha emenda formulada por este grupo municipal. A transacción respecta a esencia dunha iniciativa nacionalista que foi aprobada cos votos socialistas e da Marea Atlántica e novamente a oposición do PP.
A primeira moción en ser debatida, a do comezo do curso, defendeuna perante o Pleno Avia Veira. A volta ás aulas, denunciou, produciuse cunha Xunta que impuxo unilateralmente o protocolo para lle facer fronte á pandemia sen o negociar con ninguén. Non o dialogou nin coas ANPAS nin cos representantes do profesorado nin coas organizacións estudiantís nin cos concellos.
O que si fixo a Xunta foi, como acostuma facer, desprazar aos demais –persoal directivo dos centros, profesorado, nais e pais....- as súas responsabilidades. En concreto, aos concellos obrígaos a se faceren cargo da limpeza e desinfección nos centros, sen que o Goberno galego “faga ningunha achega de fondos aos concellos “ para lidar con esta situación.
Tampouco a Xunta pon da súa parte para acondicionar os comedores escolares ante as novas necesidades decorrentes da pandemia. “A filosofía vén sendo que cada ANPA se apañe”, censurou a concelleira nacionalista. “Nesta cidade”, relatou, “en época pre-Covid xa había centros que tiñan até tres quendas e problemas importantísimos de espazo para que as nenos os nenos comesen, como o Víctor López Seoane, o Salgado Torres ou o María Pita”. “Cantas quendas van ter que facer estas nenas e nenos agora coas distancias de seguridade e as desinfeccións?”, preguntouse.
Neste aspecto, Avia Veira instou o Goberno Local a que, dado o desleixo exhibido pola Xunta, se poña “mans á obra” e procede el propio a impulsar as necesarias ampliacións dos comedores escolares, “porque a prioridade han de ser os nenos e as nenas”.
O espírito co que a Xunta afrontou a planificación deste curso escolar, obviamente marcado pola pandemia, resúmese nesta frase pronunciada pola naquela altura conselleira de Educación: “Aínda que quixésemos, non temos espazos para ratios de 15 alumnas e alumnos por profesora ou profesor”. “Aínda que quixésemos... Un tempo verbal indicativo dun desexo que non é tal xa que vai acompañado dunha negación”, analizou Veira.
E, efectivamente, “puideron contratar máis profesorado e non o fixeron; puideron habilitar máis espazos e non o fixeron; puideron reducir o número de alumnas e alumnos por aula e non o fixeron; puideron tomar decisións para reducir a fenda dixital e non o fixeron”.
Coa moción, en definitiva, o BNG procuraba o apoio do conxunto da Corporación para instar a Xunta a que “fagan o que teñen que facer”, isto é, “gobernar e exercer as súas competencias”.
#SalvemosOOrzán
Quenda agora para a segunda das mocións do BNG neste Pleno. Unha moción tan especial como o seu obxecto. Un barco construído en 1964 corre serio risco de virar chatarra. Mais non é un navío calquera. O buque arrastreiro ‘O Orzán’ é un símbolo, un emblema dunha época dourada, os anos 50 e 60 do pasado século, cando a frota galega que faenaba no Gran Sol dispuña de 300 unidades, 200 dos cales tiñan o seu punto de atraque no porto da Coruña.
Hai que salvar ese barco. Restauralo, tornalo nun museo da pesca e do mar e exhibilo nun peirao accesíbel a toda a cidadanía. Para converter en realidade ese obxectivo, o autor da iniciativa, o portavoz do BNG Francisco Jorquera, insta o Goberno Local a que estabeleza conversas cos propietario do navío, a Autoridade Portuaria e outras administracións públicas.
Hai espellos nos que se ollar, explicou Jorquera na súa intervención perante o Pleno. “Cando vaian a Viana do Castelo”, convidou o voceiro nacionalista ao resto da Corporación, “visiten o Gil Eanes, un buque hospital que acompañaba a frota bacalloeira portuguesa e que, despois de ser restaurado e musealizado, é un dos principais atractivos desa vila”. Outros exemplos achámolos en Burela –o atuneiro Raíña do Carme é hoxe todo un espazo de divulgación da cultura marítima- ou en Bermeo, vila vasca que ofrece a experiencia de subir a bordo dun baleeiro, o Aita Guria.
“O pesqueiro de altura Orzán é un símbolo da historia da pesca na nosa cidade. Estamos a falar dunha actividade produtiva que foi e aínda é un motor económico da nosa cidade e un elemento vertebrador da nosa identidade” , dixo Jorquera, para quen “a historia da Coruña non pode entenderse sen a pesca”.
Pero é que, alén diso ‘O Orzán’ é un supervivente –foi o buque insignia da frota gransoleira- e agora áchase amarrado na Dársena de Oza, “nun estado de grave deterioración, á espera de ser vendido para se converter en chatarra”. Xusto o que a moción tentaba evitar. “O Orzán é historia viva da cidade, dun pasado que non podemos condenar ao esquecemento se queremos pór en valor a pesca e a cultura marítima como elementos definitorios da identidade da Coruña”, concluíu Jorquera.
Moción sobre a incautación dos remanentes do Concello
O voceiro nacionalista asumiu tamén a defensa da terceira e última das mocións do BNG a debate neste pleno de setembro, unha iniciativa encamiñada a que o Concello mostrase a súa oposición ao decreto lei 27/2020, unha norma que na práctica significa a incautación por parte do Estado dos remanentes, dos superávits, dos concellos. O decreto contempla repartir 5.000 millóns de euros entre aqueles municipios que transfiran fondos ao Esatdo.
“Por parte do Goberno español e do presidente da FEMP arguméntase que a entrega é voluntaria”, dixo Jorquera, quen a seguir advirte que a trampa está en que aqueles concellos que non os entreguen “non poderán facer uso dos remanentes nin recibirán nada do fondo”.
Estaríamos, pois, ante unha proposta que “en vez de permitir que os concellos podan usar os seus aforros para atender as súas necesidades, pretende encubrir unha incautación en toda regra do aforro xerado polos Concellos: 14 mil millóns de euros no conxunto do Estado”.
Non convence a Jorquera o argumento esgrimido desde o Goberno español segundo o cal esta operación é unha consecuencia lóxica da Lei Montoro e nese sentido o voceiro do BNG arguíu con ironía que se se deu reformado o artigo 135 do Constitución española moito máis doado ha de ser derrogar o texto legal coñecido polo nome do antigo ministro de Facenda do PP.
O portavoz do BNG contextualizou o debate no marco das xa inminentes negociacións sobre os orzamentos do Concello para 2021. “Neste cuadrimestre toca falar sobre as novas contas e todos sabemos que o impacto económico da pandemia vai afectar as finanzas municipais”, dixo e a ese respecto alegou que “haberá unha baixada de ingresos e un incremento de gastos”.
Pois ben, cun panorama deste tipo o Goberno do Estado “en vez de derrogar de vez a Lei Montoro, flexibilizar a regra de gasto e permitir a mobilización dos aforros dos Concellos para atender as necesidades no ámbito local”, o que pretende é “a incautación destes fondos”.