Ao non ter o apoio do BNG, o Goberno Local non leva a Pleno un modificativo do IMCE que engordaría un modelo de festas co que discrepamos
A modificación -a transferencia dunha partida de 91 mil euros- fora inicialmente aprobada, co voto en contra do BNG na reunión que o Consello Reitor do IMCE realizou o pasado 19 de xuño. Mais precisa, para a súa aprobación definitiva, pasar polo Pleno.
Coa mudanza o Goberno Local pretendía destinar o diñeiro sobrante da convocatoria de subvencións para as festas dos barrios (capítulo dotado con 500 mil euros dos que se consumiron 408.683 euros) a financiar outros espectáculos programados polo IMCE. O argumento aducido polo Executivo coruñés era que ese diñeiro se precisaba para satisfacer “os elevados cachés dos artistas, así como os prezos dos técnicos de produción”.
“Ao BNG non lle convence esta xustificación”, afirma o noso portavoz, Francisco Jorquera.
E iso por dúas razóns. Primeira, porque o BNG discrepa do modelo de festas promovido polo Goberno de Inés Rey por “centrar grande parte dos esforzos en contratar artistas de elevados cachés, mentres se descoidan os creadores locais e o noso tecido cultural”. O último exemplo é ben recente: a cancelación dos dous concertos da Orquestra Xoven previstos en María Pita pola crítica situación económica que atravesa o Consorcio de Promoción da Música.
A segunda razón, alega Jorquera, é que a transferencia de 91.000 euros a “outros traballos realizados por empresas e profesionais” sería tanto como “engordar” a partida a que máis ten recorrido o Goberno Local “polo xeito de xestionar, discrecional e carente do máis mínimo rigor, que tanto caracteriza o concelleiro de Cultura·.
Un xeito de xestionar, esténdese Jorquera, que se define pola improvisación e por unha falta de previsión “que levou a que até o xoves da semana pasada non coñecésemos a programación das Festas de María Pita e quen ía ser a pregoeira”. Ou que levou tamén a que, alén do caso de Diego El Cigala, se cancelasen outros concertos previstos para este verán, conclúe.