O BNG negocia que a aplicación da suba da taxa do lixo, derivada dunha directiva europea, sexa gradual, até xaneiro de 2029
Como en calquera outro debate que envolva a suba de taxas, o BNG entende que este asunto é moi propicio para a práctica da demagoxia fiscal. Mais o BNG, en lugar de se dedicar a iso, centrou os seus esforzos en negociar co Goberno Local unha aplicación da taxa con criterios de progresividade -isto é, que afectase máis a grandes xeradores, nomeadamente empresas cuxas actividades producen moito lixo- e tamén en conseguir un sistema de exencións e deducións que teña en conta as situacións de vulnerabilidade social.
Na interlocución co Goberno Local, o BNG preocupouse de lograr que se introducise, como así foi, un período de adaptación para aliviar o impacto que a actualización terá entre a veciñanza.
A Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida, xestión e tratamento de residuos de competencia local irá ao Pleno extraordinario de mañá e a posición do BNG no asunto vaina fixar o noso portavoz, Francisco Jorquera.