ASEGURA A ORDENACIÓN CONXUNTA DE TODO O BORDO LITORAL, A DOTACIÓN DE VIVENDAS PÚBLICAS E O RESPECTO AO NÚCLEO MARIÑEIRO
As achegas do BNG garanten melloras significativas no convenio das Xubias
Isto significa que o ámbito incluído no convenio das Xubias asinado con Ginkgo Advisor non ficará excluído da modificación puntual do PXOM cuxa tramitación iniciou o Goberno Local en 2020.
Esta era condición sine qua non do BNG á hora de apoiar no Pleno o convenio. “Puxémonos firmes e non admitimos unha ordenación por anacos. A actualización do convenio garante agora que todo o bordo litoral vai ter a mesma ordenación, sen excluír ningunha parcela”, afirma Avia Veira.
“Celebramos que grazas á nosa contribución vaiamos ter unha ordenación conxunta baixo un mesmo paraugas, con máis vivenda e equipamentos públicos, máis zonas verdes, áreas de paseo, e por suposto con respecto aos valores patrimoniais do núcleo mariñeiro das Xubias de Abaixo”, remarca, para a seguir valorar como moi positivo “que se vaian preservar os camiños de ferro que atravesan o ámbito”.
Convenio das Adoratrices
A respecto do coñecido como Convenio das Adoratrices -que tamén vai a Pleno este xoves- Avia Veira salienta que o Goberno Local pode levar o asunto á sesión plenaria para a súa eventual aprobación “porque desde o BNG lle esiximos avances na apertura á veciñanza dos xardíns do Observatorio da AEMET”.
“Unha promesa electoral de Inés Rey que tería marchado co vento se non fose pola insistencia do BNG e da veciñanza do barrio, personalizada pola súa asociación veciñal”, subliña a concelleira nacionalista.
Avanza Veira que “continuaremos a traballar para acadarmos a mellor zona verde que poida ter a Agra do Orzán, o barrio máis densamente poboado de Europa, actualmente con cero metros cadrados de zonas verdes”.