AVIA VEIRA LEVA O ASUNTO AO #PLENOABRIL DESTE XOVES 13A

"Á política do Goberno Local en materia de mobilidade faltoulle valentía"

Avia Veira transporte urbano bus.
A concelleira e número 2 do BNG nas vindeiras eleccións municipais, Avia Veira, vai levar ao Pleno deste xoves un balance da política do Goberno Local en materia de mobilidade e vaino facer en forma dunha pregunta oral ao Executivo coruñés.
"Á política do Goberno Local en materia de mobilidade faltoulle valentía"

“A este Goberno Local faltoulle valentía en materia de política de mobilidade, cousa que non lle vai faltar ao BNG a partir do 28 de maio”, avalía Avia Veira. “Sabemos como se transforma a mobilidade dunha cidade. O Bloque teno demostrado alí onde goberna. Sabemos como e queremos facelo”, engade.

O balance do Goberno Local é un rosario de incumprimentos do programa electoral co que concorreu a lista encabezada por Inés Rey en 2019. “Se unha revisa ese programa, podemos ver como quedan pendentes moitos asuntos que son un auténtico clamor social”, considera Veira.

Materias pendentes tales como o Plan de Mobilidade, a ordenación das liñas de autobuses, a implantación do carril bus, a reorganización da entrada do transporte metropolitano na cidade, a optimización da conexión con Alvedro, a ampliación das zonas de residentes coa incorporación de comerciantes e hosteleiros, o establecemento de abonos mensuais con tarifas combinábeis con bici-Coruña ou a recuperación das concesións dos aparcadoiros soterrados.

“En definitiva, vemos como maioritariamente neste mandato non houbo medidas reais de mellora do transporte público, non houbo o propósito de atraer novas persoas usuarias nin o de conectar os barrios entre si. O único que se produciu foi a redución da tarifa do transporte urbano, mais esta veulle dada por unha subvención do Estado”, recapitula Viera.

 

 

 

"Á política do Goberno Local en materia de mobilidade faltoulle valentía"