CATRO MESES DE TARDANZA E SEN DIÁLOGO COA OPOSICIÓN

Jorquera critica "a forma e o fondo" do Goberno Local na presentación do modificativo de crédito

Jorquera
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, critica a “forma e o fondo” do Goberno Local á hora de presentar -fíxoo esta mañá primeiro nunha Xunta de Goberno extraordinaria e urxente, despois na Comisión de Facenda- o modificativo de crédito dos orzamentos prorrogados de 2022.
Jorquera critica "a forma e o fondo" do Goberno Local na presentación do modificativo de crédito

“O modificativo chega cunha tardanza de 4 meses. Estamos en abril. O BNG pediulle ao Goberno Local que aprobase a modificación dos orzamentos xa a comezos do ano. Este non é un xeito de funcionar. Nin na forma –alén dos 4 meses de tardanza, convocaron hoxe as reunións da Xunta de Goberno Local e a Comisión de Facenda con 45 minutos e 20 minutos de antelación, respectivamente- nin no fondo –pois non houbo ningún diálogo cos grupos da oposición”, afirma Jorquera. “En política o diálogo é forma, mais tamén é fondo”, completou.

En todo caso, recalca o candidato do BNG á Alcaldía que o grupo municipal nacionalista “actuará como sempre fixo, con responsabilidade, pondo os intereses da Coruña por diante”.

Critica Jorquera que neste mandato o Goberno Local só foi quen de aprobar dous orzamentos –o de 2020 e o de 2022- e que este modificativo de crédito das contas prorrogadas do pasado exercicio chega moi tarde.

“Teñamos en conta que o que vai a Pleno é a aprobación provisional, non aínda a definitiva”, alertou.

“A Coruña merece máis. Un Goberno Local máis eficaz. Que cumpra coas súas obrigas e presente os orzamentos en tempo e forma. Un Goberno Local que dialogue. A Coruña non merece este xeito de funcionar”, concluíu.

 

 

 

 

 

Jorquera critica "a forma e o fondo" do Goberno Local na presentación do modificativo de crédito