Primeiro aniversario das municipais de 2019: Jorquera ve "luces e sombras" nun Goberno Local "falto de proxecto de cidade"

BNG A CORUÑA
Jorquera e Veira
"Luces e sombras". Esa é a expresión coa que Francisco Jorquera, portavoz nacionalista en María Pita, define o balance do Goberno Local cando se cumpre o primeiro aniversario das eleccións municipais de 2019, uns comicios que reforzaron, con máis apoio popular, a presenza da formación soberanista no Concello.
Primeiro aniversario das municipais de 2019: Jorquera ve "luces e sombras" nun Goberno Local "falto de proxecto de cidade"

"O PSOE fixo da necesidade virtude. Está en minoría e iso fixo que apostase polo diálogo, pola procura de acordos para asegurar a gobernabilidade do Concello. Avaliamos positivamente esta actitude. No Concello da Coruña hai un clima político que non ten nada a ver coa crispación e sobreactuación que se vive no Estado", entende Francisco Jorquera. 

Mais esa disposición ao diálogo do Goberno Local non dá agachado as súas debilidades. "Fáltalle un proxecto de cidade. De feito moitas veces apóiase nas propostas da oposición, e nomeadamente nas do BNG", remarca o portavoz soberanista. "Fáltalle tamén", esténdese, "vontade transformadora". E alén diso é un goberno que mostra certa lentitude "cando se trata de dar resposta ás necesidades da sociedade", como se está a demostrar na demora en que está a incorrer á hora de pór en marcha o plan de choque de medidas socio-económicas para combater as secuelas da Covid-19.

Ve Jorquera que na súa tentativa de ter unha relación normalizada coas outras administracións, o Goberno do Estado, a Xunta de Galiza, a alcaldesa en ocasións perde de vista que ante todo ten que se mostrar esixente na defensa dos intereses da cidade "porque tanto o Goberno central como o galego están a incumprir as súas obrigas coa Coruña, están a desouvir as demandas das coruñesas e dos coruñeses".

Canto ao rol desempeñado polo BNG durante este ano, Jorquera avalía que "estamos a ser consecuentes co que dixemos, dixemos que íamos acompañar o labor de fiscalización construtiva do Goberno Local coa formulación de propostas e iniciativas, tendo sempre disposición a dialogar para chegar a acordos en beneficio da cidade. Foi ese o noso compromiso e honestamente penso que estamos a honralo", afirma Jorquera, para quen "a influencia que temos na política municipal é moi superior ao noso peso relativo na Corporación".

 

 

Primeiro aniversario das municipais de 2019: Jorquera ve "luces e sombras" nun Goberno Local "falto de proxecto de cidade"