EXCEDENDO CON MOITO OS PRAZOS LEGAIS PARA FACILITAR A INFORMACIÓN
A Alcaldía continúa sen lle dar ao BNG acceso á documentación sobre as propostas de sanción aos VTC
O pasado día 12 de novembro, a concelleira do BNG Avia Veira rexistrou unha petición por escrito á Alcaldía de acceso a toda a documentación relativa á proposta de sancións
O prazo legal para responder a esa petición son 5 días naturais, de acordo co Regulamento Orgánico Municipal.
Pois ben, transcorrido xa o duplo do tempo, a alcaldesa continúa sen responder e sen, por tanto, dar acceso a esta información solicitada polo BNG.
Non é así precisamente como se practica unha política de transparencia por parte do Goberno Local.
Cumpre lembrar que o Pleno de novembro aprobou por unanimidade unha moción do BNG en cuxo primeiro punto se insta o Executivo coruñés a que cumpra a legalidade -quer a lei galega quer a propia Ordenanza de Mobilidade recentemente aprobada após negociación coa formación nacionalista- e a que, por tanto, se sancione as empresas que xestionan este servizo cando se comprobe que están a realizar viaxes con orixe e destino no noso termo municipal, sendo que legalmente só poden efectuar traxectos inter-urbanos, isto é, entre concellos distintos.