DERRADEIRA SESIÓN DE CONTROL AO GOBERNO LOCAL NESTE MANDATO
Aínda sen resolverse a demanda pola Casa Cornide e o título de fillos adoptivos para Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye
Unha vez que se coñeceu a declaración do palacete como BIC pola Xunta, a alcaldesa anunciou que a demanda se interporía de inmediato. Cuestionado ao respecto pola concelleira do BNG, Celemín limitouse a dicir que “agora vén a demanda” e que sería tanto pola titularidade do continente como do contido do edificio, para non incorrer nos mesmos erros cometidos co Pazo de Meirás, mais non precisou ningún prazo para a presentación desa acción do Concello perante os tribunais.
Pese a ser cuestionado directamente sobre o asunto, Celemín omitiu calquera referencia á conclusión do proceso de outorgamento do título de fillos adoptivos da cidade aos mozos senegaleses Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye por teren sido as únicas persoas que intentaron salvar a vida de Samuel Luiz pondo en risco a súa propia integridade.
A iniciativa desta distinción tomouna o BNG “hai máis de dous anos”, recordou Avia Veira, cando levou o asunto ao Pleno. “E hai xa máis dun ano que se aprobou o outorgamento do título na Comisión de Honras e Distincions do Concello, onde todos estivemos de acordo en honrar a quen, tendo todo por perder, socorreron Samuel Luiz”, remarcou.
Mais o certo é que o proceso non culminou e vai rematar o mandato sen que se concedese o título aos mozos senegaleses. “E non parece haber explicación lóxica a esta demora, salvo o desleixo ou a falta de vontade política”, opina Veira.
A mesma falta de vontade política que leva a que durante o mandato apenas se convocase o Consello da Memoria Democrática, a pesar das reiteradas peticións da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e do propio BNG. “No mandato só se reuniu un par de veces e vostedes non lles fixeron nin caso. E non porque non haxa avances por facer na materia, desde a retirada de rúas até as honras e distincións que aínda manteñen persoeiros do franquismo como o alcalde Sergio Peñamaría de Llano”, concluíu Veira.