UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O PLENO DO 8S

As familias das crianzas matriculadas nas escolas infantís municipais sofren un "agravio comparativo incomprensíbel"

EIM
Foto: Coruna.gal
As familias das crianzas matriculadas nas escolas infantís municipais sofren un "agravio comparativo incomprensíbel"

Non hai maneira de entender por que as familias con crianzas matriculadas na rede de escolas municipais infantís neste curso 2022-23 non van poder gozar das 8 horas diarias de balde como si acontece nas privadas ou nas dependentes da Xunta.

“Parécenos un agravio comparativo incomprensíbel. Atenta contra as necesidades de conciliación de moitas familias”, afirma Avia Veira, concelleira do BNG.

Neste curso que comeza o vindeiro martes 6 de setembro, nas escolas infantís municipais só serán gratuítas 6 horas diarias, 2 horas menos que no resto de centros. “6 horas parécenos un tempo insuficiente, alén de discriminatorio. Xa o dixemos no seu momento no Pleno cando se aprobou o regulamento das escolas infantís”, di Avia Veira.

O BNG levará este asunto ao Pleno do vindeiro xoves 8S en forma de pregunta oral ao Goberno Local.

A explicación dada nun primeiro momento polo Executivo coruñés é que non se podía estender a gratuidade ás 8 horas porque existía unha débeda co Consorcio Galego de Benestar. “Mais até onde nós sabemos a Xunta de Goberno Local acordou liquidar esa débeda no pasado mes de xullo. Por tanto, non comprendemos por que subsiste este agravio comparativo”, indica a concelleira nacionalista.

“E se decidimos formular esta cuestión no Pleno deste vindeiro xoves é porque partillamos a preocupación e a inquietude que senten as familias que se están a mobilizar por este asunto e coas que nos reunimos no seu día”, completa Veira.

 

As familias das crianzas matriculadas nas escolas infantís municipais sofren un "agravio comparativo incomprensíbel"