ADIF colocou ilegalmente as lonas de publicidade na estación de San Cristovo
A Coruña, 16 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG, logo de acceder ao expediente, vén de confirmar que a colocación de sendas lonas nas fachadas norte e leste da torre da estación de ferrocarril de San Cristovo foi realizada de xeito ilegal e sen a solicitude das correspondentes licenzas na área de urbanismo.
O BNG denuncia que ADIF colocou ilegalmente as lonas de publicidade na estación de San Cristovo, tal e como puido comprobar no expediente incoado polo Servizo de Disciplina Urbanística
As nacionalistas lembran que con data 19 de outubro rexistraron varias preguntas para a súa resposta por escrito nas que trataban de pescudar quen era responsábel da colocación de sendas lonas de publicidade na torre do edificio da estación dos camiños de ferro de San Cristovo. Do mesmo xeito tamén solicitaran, en datas posteriores, o acceso aos expedientes polos cales se concedían os permisos para a colocación destas lonas. Porén, tales permisos non existían polo que o expediente ao que o Bloque tivo acceso foi o que Disciplina Urbanística incoou logo da denuncia do Grupo Municipal do BNG e de dous cidadáns, que tamén lle fixeron chegar ao Concello da Coruña a súa opinión negativa sobre esta barbaridade cometida contra o noso patrimonio.
As nacionalistas indican que a colocación das lonas de publicidade requiriu de obra nas fachadas da estación polas cales non se pediu permiso ao Concello da Coruña, tal e como establece a normativa
Deste xeito, o Bloque puido comprobar como as obras executadas na estación de San Cristovo para a colocación destas lonas non foron solicitadas e, polo tanto, non obtiveron en ningún momento licenza municipal para seren executadas. O BNG considerou, desde o primeiro momento, que a colocación destas lonas era un ataque ao patrimonio urbanístico, cultural e social da nosa cidade. Polo tanto entendemos que a actuación de ADIF, co agravante de realizar as obras sen a autorización, fíxose sen ter unha mínima consideración ao valor patrimonial do edificio de San Cristovo, nin co mínimo respecto á edificación conclúe Avia Veira.
O Grupo Municipal do BNG esixe, por tanto, a retirada inmediata desta publicidade e, de ser o caso, de non cumprir os requirimentos que desde o Concello da Coruña tivesen lugar, aplicar as medidas legais sancionadoras máis contundentes.