Acordos da Coruña Marítima: o BNG abstense ao non se despexaren as incógnitas sobre financiamento e aproveitamentos urbanísticos

Comisión Coruña Marítima, 9 de maio de 2025, con Francisco Jorquera
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, abstívose esta mañá na votación dos Acordos Estratéxicos do Proxecto Coruña Marítima ao considerar que non se deron despexado as incógnitas sobre as vías para o financiamento do proceso de transformación da fronte marítima da cidade.
Acordos da Coruña Marítima: o BNG abstense ao non se despexaren as incógnitas sobre financiamento e aproveitamentos urbanísticos

Jorquera valora como positivas algunhas das achegas incorporadas aos Acordos Estratéxicos -froito da realización de diversos talleres temáticos-. “Parécenos ben que se poña o acento en aspectos de sustentabilidade medio ambiental ou no rol que o porto interior debe continuar a xogar vinculado á economía azul, a actividade produtiva que, polas súas características, non pode ser trasladada á dársena exterior”, afirma.

Porén, a xuízo do BNG os Acordos Estratéxicos continúan a incorrer en contradición e a ser ambiguos sobre a forma en que se vai financiar o deseño da nova fronte marítima. Baixo o punto de vista do Bloque, e ese é o miolo das achegas da formación nacionalista hai que dar por definitivamente superados os convenios de 2004, isto é, hai que fechar a porta a calquera operación de venda de activos, de privatización de terreos, como medio para liquidar a débeda da Autoridade Portuaria.

O BNG continúa a defender a condonación por parte do Estado dun débito contraído pola construción do porto exterior. “Foi un Consello de Ministros o que acordou a construción. Se se condonou a débeda de València, non hai ningunha razón para que non se faga o propio coa nosa”, remarca Jorquera.

A Comisión Coruña Marítima reuniuse brevemente nun despacho do Espazo Avenida minutos antes de se realizar a presentación, nun acto público, do denominado Foro Coruña Marítima.

 

Acordos da Coruña Marítima: o BNG abstense ao non se despexaren as incógnitas sobre financiamento e aproveitamentos urbanísticos