AS E OS COOPERATIVISTAS DENUNCIAN CLÁUSULAS ABUSIVAS

Veira denuncia a "pasividade" da Xunta ante o "trileirismo" da xestora á que lle adxudicou parcelas para aluguer social en Xuxán

Jorquera, Queixas e Ana Pontón, con cooperativistas de Xuxán.
Jorquera, Queixas e Ana Pontón mantiveron o pasado mes de maio unha xuntanza cos cooperativistas de Xuxán.
O grupo municipal do BNG tivo coñecemento de que as e os cooperativistas do proxecto de construción de 224 pisos de aluguer social en Xuxán -en catro parcelas públicas cuxo dereito de superficie foi adxudicado pola Xunta a Galivivenda- descubriron “cláusulas abusivas” nos contratos “no caso de non quereren continuar o proxecto con esa xestora” con sede en Pozuelo de Alarcón (Madrid).
Veira denuncia a "pasividade" da Xunta ante o "trileirismo" da xestora á que lle adxudicou parcelas para aluguer social en Xuxán

“Non só descubriron esas cláusulas, senón que tamén bateron coa imposibilidade de se facer cos acordos e actas. As e os cooperativistas demandan transparencia”, refire a concelleira nacionalista Avia Veira, quen anuncia que o BNG vai volver o asunto a todas as institucións: Pleno do Concello, Parlamento galego, Parlamento europeo -no que ten a ver coa inexecución dunha partida de 10 millóns de euros de fondos europeos- e Congreso dos Deputados.

“Alén diso, a xestora creou unha cooperativa paralela á que subrogou as persoas cooperativistas. Mais en Galivivenda, a cooperativa orixinaria, a xestora tomou unha serie de decisións que agora pretenden que as e os cooperativistas asuman cegamente, pois nin as coñecen nin participaron delas. Pero o caso é que o dereito de solo quen o ten é Galivivenda, non a cooperativa paralela”, alerta Veira.

Iso significa que as e os cooperativistas para teren acceso ao solo terían que reintegrarse en Galivivenda e abandonar a cooperativa paralela. O problema é que en Galivivenda se tomaron decisións ás súas costas...

O grupo municipal do BNG tivo coñecemento de que as e os cooperativista descubriron “cláusulas abusivas” nos contratos “no caso de non quereren continuar o proxecto con Galivivenda”

Por todo isto, o BNG denuncia a “pasividade” da Xunta fronte ao “trileirismo” de Galivivenda. Pasividade porque a Xunta é a propietaria do solo -está cedido por espazo de 50 anos-, é a administración que sacou a concurso o dereito de superficie e, por tanto, está obrigada a facer un seguimento de se se cumpren ou non os pregos do concurso. Por suposto, que a Xunta ten na man a posibilidade de reverter a adxudicación se se comprobar que  non se están a satisfacer as condicións polas que Galivivenda se fixo coas parcelas.

“Desde logo, o BNG está do lado das e dos cooperativistas e da súa lexítima aspiración a acceder a alugueres estábeis e accesíbeis”, remarca Veira.

A Xunta -a daquela conselleira de Vivenda Ángeles Vázquez- veu no seu día á Coruña a presentar no seu día este proxecto como bandeira da súa política, baseada no modelo de cooperación público-privada.Mais os supostos alugueres sociais -que non ían exceder os 500 euros mensuais- acabaron por escalar até cotas por volta dos 1.000 euros (o salario medio das persoas que queren acceder a estas vivendas está nos 1.500), o que fixo que moitas persoas se deran de baixa como socios cooperativistas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Veira denuncia a "pasividade" da Xunta ante o "trileirismo" da xestora á que lle adxudicou parcelas para aluguer social en Xuxán