PLENO
A accesibilidade, a violencia machista e as obras de “Cada barrio conta” como preguntas para o #PlenoCoruña de decembro
Interpelamos ao Goberno municipal pola aplicación do Real decreto lexislativo 1/2013 sobre a accesibilidade que a partir do 4 de decembro será efectivo
Tamén preguntaremos no Pleno sobre as actuacións do Goberno local nestes dous anos e medio a respecto das súas accións en materia de loita contra as violencias machistas e o por que a Concellaría de Rexeneración Urbana considera determinadas actuacións, como as obras de emerxencia do arranxo colector de Rubine, como obras a contabilizar na campaña “Cada barrio conta”
Trasladaremos para o seu debate ao próximo Pleno ordinario a preocupación amosada recentemente por varias entidades da cidade a respecto da situación da accesibilidade na Coruña e sobre a inminente aplicación do Real decreto lexislativo 1/2013, xa que logo, o próximo 4 de decembre, precisamente o día da celebración do Pleno, é a data límite para acadar as condicións básicas de accesibilidade en todos os edificios residenciais e públicos, que deberán contar de forma obrigatoria con accesos preparados para persoas con discapacidade.
Hai poucas semanas que varias entidades desta cidade promoveron unha actividade no Obelisco, dentro dunha mobilización a nivel do Estado, na que se demandaba a aplicación do Real decreto, así como da Lei 8/2013 de 26 de xuño, que reforza o decreto, e que atenda a rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas. Cremos que a accesibilidade non é un tema menor, do que nós xa temos promovido varias iniciativas ao longo do mandato, e no que se ten que facer políticas globais e integrais. Mais é evidente que a cidade non está preparada para que este próximo luns se faga efectiva a aplicación deste Real decreto, e para mostra o propio edificio do Concello da Coruña, a Casa, que hoxe en día, polas súas limitacións en accesibilidade, aínda non é de todas as coruñesas e todos os coruñeses.
Por outra banda, tamén preguntaremos este luns sobre as actuacións do Goberno local no que vai de mandato a respecto das súas accións en materia de loita contra as violencias machistas.
Amosamos a nosa preocupación polo que consideramos “institucionalización” das datas e de “actos simbólicos” mentres non se implementan verdadeiras políticas integrais e transversais que busquen acabar de xeito efectivo co feminicidio e coa violencia machista.
Preocúpanos que se estea comezando a dar carta de normalidade e institucionalizando datas como a do 25 de novembro, ou o 8 de marzo, sen entrar no fondo da cuestión, sen avanzar contra o machismo, sen revolcar a sociedade, e que se asuman estas datas como celebracións. Cremos que non se deber celebrar nada mentres exista machismo e o feminicidio na nosa sociedade e non se destinen os recurso económicos e materiais necesarios para erradicar da nosa sociedade esta lacra.
Por último tamén inqueriremos este luns o por que a Concellaría de Rexeneración Urbana considera determinadas actuacións, como as obras de emerxencia do arranxo colector de Rubine, como obras a contabilizar na campaña “Cada barrio conta”.
A nós resúltanos incríbel que actuacións provocadas por unha situación extraordinaria, como o afundimento da rúa Rubine provocado polo colapso dunha infreaestrutura, ou mesmo obras que resultan do traballo ordinario e de mantemento que calquera Goberno municipal debe acometer, independentemente da cor política dese goberno, e que están incluídas en contratos ordinarios que establece a Administración local, sexan contabilizados como «méritos» da Concellaría de Rexeneración Urbana e que pasen a enumerarse no panfleto “Cada barrio conta”. Cremos que isto merece unha explicación pública por parte do concelleiro Xiao Varela.
A Coruña, 29 de novembro de 2017.